Román Arén. Se hai un mito literario galego, ademais de Macías e Rosalía de Castro, ben famoso, é o de Inés de Castro, que vencella Galicia e Portugal, como ben escribiu Otero Pedrayo. Esta limiá establecida en Portugal, amante do príncipe don Pedro, foi asasinada por orde de Afonso IV o 7 de xaneiro de 1355. Entro na morte e na gloria literaria, pois en 1367, proclamado rei don Pedro, mandou exhumar o seu cadáver para que fose honrada como raíña e de aí veu o de “reinar despois de morrer”. Cantada por Camoes e Ferreira, no teatro castelán o primeiro en glosar a súa lenda foi un galego, Frei Jerónimo Bermúdez, nas traxedias Nise lastimosa (1577) e Nise laureada e a súa fama fixo que fose personaxe mesmo de novelas francesas como a de Madame de Genlis que leva o seu nome e que anda traducida na nosa lingua. Pero a peza teatral quizais máis famosa sobre Inés de Castro é Reinar después de morir (1852) de Luis Vélez de Guevara (Écija, 1579-Madrid, 1644), moi famoso aínda pola novela El diablo cojuelo (1641), pero que foi dramaturgo moi coñecido na súa época e do que aínda se reeditan comedias como La serrana de la Vera (1603) e que foi autor tamén de traxedias e autos sacramentais. Hai edicións do século XX, pero xa esgotadas e eu emprego a edición de Lisboa de 1652, accesible pola Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Circulan tamén estudos sobre as relacións desta peza coa portuguesa Castro de António Ferreira e sobre os elementos populares que contén. Mais ca unha “comedia” estamos ante unha traxedia en verso con cinco personaxes principais (Afonso de Portugal, don Pedro, a súa muller Blanca de Navarra, dona Inés e o condestable de Portugal), ademais dos fidalgo Egas Coello, Alvara Gonzales, Nuno de Almeida, o gracioso Brito, a criada Violante e outros comparsas. É obra breve estruturada en tres xornadas. Os amantes Pedro e Inés vense en Mondego:
Siempre que llego al Mondego,/parece que solo a ver/a mi Inés bella, las aves/quisieran besar su pie,/las plantas, de su deidad/reciben fruto: no hay mes,/que en viéndola, no sea Mayo:/no hay flor que a su rosicler/no tribute vasallaje.
O que canta é o príncipe don Pedro, que salienta a beleza de Inés, que Camoes convertirá en lenda.
Dona Inés preséntase así a si mesma:
Yo soy doña Inés de Castro/Cuello de Garza, y me veo,/si vos de Navarra Infanta,/Reina de aqueste hemisferio/de Portugal, y casada/con el Príncipe don Pedro/estoy primero que vos.
Está a falar, nada menos, que coa muller “oficial” de don Pedro, Branca de Navarra.
O de “cuello de garza”, “mans de marfil”; “cor de alabastro”, son epítetos moi presentes en todos os que trataron a súa lenda. Mais hainos máis acesos: “Sol de dos luceros abrazado”, “aurora en carne humana”, “cielo abreviado”…
Foi o de Inés de Castro un asasinato por “razón de Estado”, para impedir o influxo da súa poderosa liñaxe galega no reino portugués.