Fidel Vidal. -Esta noite soñei contigo.
-Non me digas, corazón.
-E dicíache: temos que falar.
-Nin en soños temos nada que falar.
-Paréceche moi divertido, pero non o é.
-Eu tampouco lle vexo a graza.
-Que significa iso de quedar como amigos?
-Pois iso, persoas ben levadas.
-Ben lavadas sería máis xusto.
-Xa, e dous ovos duros.
-Do camarote dos Marx, non si?
-Daquela que sexan tres ovos duros.
-Es do peor, cariño.
-O que ti non me deches.
-Todo canto fixen foi por nós.
-E dous ovos duros.
-Espero odiarte tanto como te amei.
-Daquela podo quedar tranquila.
-Nunca xamais me quixeches como eu a ti.
-Esas si son ocorrencias.
-Non me podes reprochar a miña entrega ao traballo.
-O que ti estás entregado é unicamente aos cartos.
-Non hai nada malo niso.
-Sen tempo para nolos dous.
-Non importan as horas senón como se aproveitan.
-Pois que aproveite.
-Se ti me aceptaras. Nin sequera as miñas caricias.
-Unha cousa son caricias e outra poñerte a amasar en min.
-Pásaste de romántica.
-O que ti digas, corazón.
-Sabes de sobra que non me chista nada que me chames corazón.
-Corazón…
-E moito menos cando hai xente diante.
-Es un maniático. Por que non che gusta?
-Porque se me cabrea de celos o fígado.