Nin cantada nin rezada

coro-dibujoMarina Losada Vicente. Diante das contas das festas dos últimos anos, o tesoureiro da comisión mergullouse nas partidas de gastos, a fin de axustalos á nova realidade da parroquia, que non era outra que a de que o orzamento minguara considerablemente, dada a tendencia da súa poboacións en marchar para o outro mundo deixando casas e casarellos, mais sen asentar herdeiros que as ocupasen.

Así as cousas, deu en reparar que no ano pasado, ás doce do domingo, tiveran unha misa “rezada”, cuxo prezo contabilizado era de 230 euros. No mesmo capítulo de exercicios anteriores, a misa era “cantada”, “solemne” e incluso puido ver misa “solemne cantada”. A tarifa oscilaba entre 300 a 400 euros máis 250 euros que percibía un dúo composto por instrumentista e voz.

Cabe facer un inciso para aclarar que o tesoureiro era mozo e que, ás doce da mañá, calquera domingo do ano, estaba a remollo na súa cama, sen escoitar nin sequera a chamada das campás e, por conseguinte, tiña certa confusión co de misa rezada, que de ser por contraposición á cantada, tería que chamarse misa “falada”. Ou non se reza en todas?

Que se cobre por unha misa 400 euros é un desafío ás leis divinas, dixéronlle á nai, que nada sabían de semellante roubo. Rezadas son todas, certo, e, para cantar, xa estamos as asistentes. Así as cousas, foi falar co cura que, atónito, recibiu o seguinte encargo:

-Nin rezada nin cantada. “Normal”. A que vale dez euros, que son os que lle cobra a miña nai pola misa que lle pon ao finado de meu avó o día catro de cada mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *