Pilar Sampedro. Dende hai un tempo, os libros escritos pensando nun destinatario infantoxuvenil, xa acollen todas as temáticas, por moi tabús e complicadas que poidan parecer. Xa o temos dito noutras ocasións: o feito de que esta literatura fose escrita –no primeiro momento– por educadores que buscaban dotar de materiais unha escola que non os tiña en galego, axudou a que fosen tratados asuntos relacionados cos valores cívicos. Estes mesmos mestres e os que os seguiron –moitas veces relacionados con movementos de renovación pedagóxica– tiveron un papel fundamental na diagnose da situación deste libro, os ocos que había que encher, así como o que se necesitaba e demandaba. O papel de Agustín Fernández Paz, Miguel Vázquez Freire ou Xosé Lastra na colección Merlín de Xerais ou de Mª Victoria Moreno, David Otero ou Antonio García Teijeiro na colección Árbore de Galaxia fálannos deste asunto.
En non poucas ocasións son estes libros os que abren a porta á reflexión e deixan que vaian entrando outros aires na aula, na casa, nas cabeciñas…
Dende GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Galego) estase a traballar na dirección de apoiar as persoas mediadoras do libro infantil, ao organizar listados de títulos que teñan relación con determinadas temáticas ou valores. Desta maneira, bibliotecarias públicas e escolares, docentes en xeral, educadoras sociais, familias… teñen acceso a guías nas que se recollen títulos ao redor dalgún eixe.
O primeiro deles levou o título de Donas no espello da LIXG e nel acollíanse os relacionados coa igualdade, organizados en etiquetas que os envolvían e organizaban. Estes rótulos vertebran a produción unhas veces ao redor dos xéneros tendo en conta a poesía, as obras de teatro e a banda deseñada (De versos, De escena, De cadradiños) por darlle presenza ás menos abundantes. Outras veces atendendo a diferentes asuntos: De ruptura de estereotipos ou roles, De espertar -cos que tocan na conciencia-, De violencia de xénero, De mulleres senlleiras –acollendo as biografías–, De diversidade (diversidade familiar e diversidade sexual), Doutra maneira (recollendo as historias ás que se lles deua volta para actualizalas), Doutras latitudes / época (para as historias que veñen de lonxe e doutros tempos), De autoaxuda (para eses libros dirixidos a adolescentes nos que se busca que se informen e se entendan), De premio (recollendo os libros premiados nos certames convocados para a igualdade), De colección (para os que forman parte de coleccións de igualdade) ou De serie (para as sagas que teñen este valor como fundamental).
Nós, coma Ana Mª Machado, non defendemos a necesidade de convocatorias especiais para atender a temáticas determinadas senón o coñecemento da produción para poñer nas mans desas persoas (que median entre o libro infantil e a infancia) seleccións axeitadas. A isto responden estes materiais.