Notas sobre unha transfilia inducida

images (1)Ignacio Castro Rey. (Este é un escrito sobre o tránsito de quen decide elixir outro sexo. Nin que dicir ten que non se tenta dicir aquí nin unha soa palabra contra as libres e difíciles eleccións de cada quen, senón unicamente sobre o que Foucault chamaría un dispositivo, certo sutil regueiro de violencia inmanente que acompaña o poder biopolítico actual.) Onte falei cun amigo que está en tránsito. Sentín en Antonio, agora Pilar, o mesmo de sempre, un parecido humor amargo, similar sufrimento e ata un timbre de voz familiar, aínda que afinado “en feminino” pola inxestión de hormonas. Se todo vai ben, e é de desexar que así sexa, Pilar acabará alcanzando unha nova e cálida comunidade humana. Será pronto o ser humano de sempre, con semellantes dúbidas, parecida angustia e similar humor, entre xovial e negro. Algún día morrerá, como todos nós. É un deber moral amar a súa eternidade mortal, o seu modo de ser, a súa maneira manancial.

1. Á marxe da piedade obrigada cara a todos os seres que sofren, é difícil non vincular a mercadotecnia do corpo ” trans”, de cuxa fobia podemos hoxe acusar a calquera que argumente valores morais de reserva, coa nosa vocación contemporánea de liquidar todo o que sexa referencia natural, herdanza natal. Díxose xa hai tempo que a nosa é unha cultura do tránsito e o desarraigamento, do aprazamento perpetuo e a deconstrución de calquera intensidade real. Este é o motivo de fondo da posverdade e a deconstrución: o complot gregario contra o ” asocial”, o impolítico que latexa na vida dos corpos.

2. No noso control de xeometría variable, unha represión por diversidade moi afastada da disciplina heteropatriarcal de outrora, todo debe ser revisado pola velocidade da actualización, estar en perpetuo proceso e en crise. Chegoulle a quenda ao propio corpo. Estamos diante dun trasunto secular da peregrinaxe cristiá por este val, aínda que hoxe non sexa de bágoas senón de sorrisos enlatados? E agora aplicado ao corpo, primeiro templo dunha terra antiga que odiamos.

3. Para a xeración que defendeu os homosexuais ridiculizados na mili de Franco, pode hoxe importar un comiño a orientación sexual de cadaquén. Se a un lle gustan as mulleres, os homes ou calquera outra cousa, é asunto seu e algúns non necesitamos que nolo conten. É indiferente á nosa preocupación antropolóxica pór unha especie en perigo. Esta teima actual de que o próximo se pase o día saíndo dun armario do cal foi vítima, publicitando despois as súas opcións sexuais elixidas, non deixa de ser outra pesada versión do puritanismo norteño que nos penetrou sen vaselina. Antes estaba mal vista a confesión indiscriminada das túas miserias íntimas, agora é obrigada. Pero seguimos no mesmo proceso inquisitorial que non pode deixar en paz o corpo, escoitalo. Ata un Santo Tomás se asombraría do noso delirio político co impolítico dos corpos.

4. En certo xeito, o balbordo “internacional” do Trans train non pode deixar de inscribirse no noso culto ao minoritario, unha compracencia na rareza co cal podemos acusar a calquera outra cultura de despótica, insensible, homofóbica ou negacionista. Ademais de alimentar o supremacismo de Occidente, esta “trampa da diversidade” (D. Bernabé) ten entre nós o fin de pulverizar a comunidade humana en toda clase de polémicas secundarias. Atomización do individuo real e endebedamento posterior ás conexións virtuais. Así nos facemos mellores serventes da interactividade, esquecendo os seres sufrintes que somos polo simple feito de estar vivos. Tapando tamén a tortura crecente que exerce en cada un de nós a normativa omnívora do Estado mercado.

5bebdc95-4fd0-402a-994a-0a078ac97da05. Á marxe desta insólita presión estatal, todos sufrimos, sempre sufrimos. Todos, ata os conservadores e os imbéciles, estamos atravesados por un involuntario proceso de tránsito que dura a vida enteira e ao que lle custará moito ser “recoñecido”. Menos mal que tampouco o necesita. Esta histeria da visibilidade e o empoderamento, sempre grupais, é tamén moi puritana, pois parte da base de que pode haber unha sociedade que descenda por fin á vida e a salve do trauma das súas continxencias individuais. Crer nunha sociedade que sexa transparente, providencial e non represiva, é o ideal do despotismo democrático, do noso estatismo continuo. Cambiamos un Deus por outro, non menos omnipresente.

6. Con todo, a diferenza da antiga relixión, estamos ante unha ilusión moi elitista, pois converte a exquisitez das rarezas metropolitanas en nova norma para a humanidade das aforas, esa inmensa e fea maioría que, loitando por vivir, nunca entende de que falan as vangardas urbanas. Aínda que isto non importa, pois o que interesa ao sistema é que haxa unha norma -antes hetero, agora homo, trans, queer…- que nos desarraigue, que descenda aos intersticios vitais e acabe cunha antiga autonomía. Non é tan estraño que esta fascinación elitista polo minoritario constitúa un caudal de votos para unha extrema dereita que se presenta como populista, mesmo próxima aos restos dunha clase obreira cuxa preocupación non é a felicidade, senón vivir. En realidade, fóra das comedias estadounidenses, ninguén demostrou que a felicidade sexa obrigatoria. Ninguén demostrou sequera que sexa posible. Talvez o máximo ao que podemos aspirar é a certo amorniamento de ánimo diante da dureza de existir.

7. Non é só a desaparición da clase obreira o que ameaza neste capitalismo alternativo. É a desaparición virtual do común á especie, o sufrimento radical dos seres finitos que somos. Tamén, a ocultación dos malos tratos maioritarios dos que somos obxecto. Deus nos libre de estar en contra de ningún trans, de ningún ser que sofre ou ningunha minoría discriminada. O que incomoda é esta dimensión urxente e mundial do minoritario, que non deixa de ser sospeitosa dunha xenial habilidade política. A sensibilidade extrema cara ás minorías, por exiguas e raras que sexan, é unha cortina de fume para tapar o desprezo maioritario e correcto, sen sangue á vista, do que todos somos vítimas por parte do sistema.

8. A maior perversidade nos malos tratos populares, como ocorre en EE. UU., máis corrección formal e lingüística nas elites. É tal o desprezo ao que se somete a uns pobos espremidos sen cesar económica, social e simbolicamente, que atopamos no minoritario, desde a corrección na linguaxe ata o coidado da imaxe e os animaliños, a desculpa perfecta para que sexa invisible o noso modo polimorfo de odio, unha indiferenza democrática á verdade da cal algúns populismos levan tempo sacando partido.

9. Vaiamos á disforia de xénero, a este soado sentirse a contragusto co propio corpo, coa bioloxía herdada e o sexo no que se naceu. Lembremos primeiro que o corpo só é un signo de todo o que non eliximos, dunha vida que, na súa raíz natal, é sempre unha herdanza inconsciente, un destino labiríntico que rexorde lentamente por dentro. O corpo nunca lle pedirá permiso á conciencia, á autopercepción consciente, para estar adecuado á cabeza. Ter un corpo non é posuír un instrumento á man, senón un continente de influencias que habemos de escoitar e no que con frecuencia -aínda que sexamos brancos, homes e heterosexuais- nos sentiremos estraños.

images10. Disociados do corpo? Claro, de algún modo ocórrenos a todos, mesmo aínda que sexamos deportistas de elite. Ter corpo, e non precisamente glorioso, implica xamais estar plenamente de acordo con el. O corpo é unha prisión para a alma, pero tamén a alma é unha prisión para o corpo. Alma e corpo son campos de forza, retos necesarios sen os cales o outro polo non é nada. Ademais, cada vez que nos tentamos emancipar do corpo herdado, da alma herdada, caemos en mans doutra prisión aínda peor, a opinión pública e o mercado social que nos promete unha solución final ao tormento de vivir. Nunca en tarifa plana, dito sexa de paso. Como se adoita dicir, cando a oferta é gratuíta é que o prezo es ti, un material humano que o capitalismo financeiro converteu na primeira mercadoría.

11. Reatribución de xénero. Decidida por quen, se o mozo está afundido? En ausencia de inconsciente, de ecos do desexo, nin sequera de tempo para pensar, as modas convértense en Deus. E á carreira. Dalgún modo tortuoso, ninguén nace nun corpo equivocado. E non fai falta ler a Nietzsche para saber isto. Se desde sempre son baixiño, o meu inconsciente e a miña conciencia están configurados por esa estatura. Igual que o ton da miña voz e a cor dos meus ollos, que non elixín, esculpen o meu espírito. A anatomía é un destino que hai que descifrar ao longo dunha análise interminable. En realidade moi antigas, todas as intervencións no corpo, do peiteado á maquillaxe e ás tatuaxes, teñen a función de revelar, de atopar o sentido real que latexa nunha fisionomía. O outro, entender as eleccións estéticas sobre o corpo como unha forma de transformalo coa axuda dunha elite de expertos, é o invento dun totalitarismo ilustrado que non soporta o dado e natal, o difícil imperativo anímico de “chegar a ser o que xa es”.

12. Se a anatomía é unha tarefa interminable, isto significa que sempre hai que estar atento a ela, suando no seu labirinto. O corpo non é nada semellante a un avatar manexable, algo que se poida escoller e manexar a vontade. Os casos patéticos de tantos ídolos de culto -non só M. Jackson- que se someteron a un tratamento corporal multimillonario para acabar convertidos en bonecos atormentados, que xa nin poden morrer dignamente, deberían advertirnos de onde leva esta febre contemporánea por elixir un corpo. Ilusión que non está lonxe, digámolo de paso, do soño dunha selección nacionalsocialista que non naceu precisamente no arrabalde. O corpo, como a alma, é precisamente o que non se elixe. Igual que non se elixe nacer. Aí estriba o risco e a grandeza de ser humano, atendendo á parte de noite que nos toca.

13. Ninguén se corresponde coa súa bioloxía, pois o herdado é sempre un dédalo complexo, infestado de minotauros. Tampouco o pasado está escrito, senón que se reescribe conforme vivimos. Así pois, non deixa de ser unha extensión do desarraigamento capitalista, personalizado e estendido milimetricamente á masa corporal, este imperativo actual de intervir nos órganos para clonalos en non se sabe que recipiente adaptado á vontade consciente e á súa narcisista autopercepción. Adaptar o teu corpo segundo a identidade pensada e despois sentida, é soamente segregación personalizada, apartheid corporal. Transfilia subvencionada por unha cultura que non soporta a primeira tarefa humana de atender o non elixido, empezando pola sucia existencia. Todo vale con tal de experimentar unha fuxida do real, pero esta vez arraigada no máis íntimo da carne. Ao individuo acosado por todas as partes, que xa non é libre de dar ningún paso sen papeis -ata o suicidio tende a estar lexislado en eutanasia-, permíteselle a cambio unha batida nos seus propios órganos. Sería delicioso escoitar a Foucault, a Illich (O xénero vernáculo, 1982)* ou Pasolini disertar sobre este uso policial dunha identidade cerebral empoderada.

14. Máis a felicidade obrigatoria, diciamos, o dereito a non sufrir e sentirse auto-realizado. Toda esta apoteose da percepción depende dunha lexión de expertos que nos ditan como sentir e pensar. Chegamos así ao nome sentido, ao sexo sentido. Á idade sentida tamén, autopercibida. Casos hai onde o cidadán demanda ao estado porque sente de corenta anos, mentres no seu carné de identidade figuran sesenta e nove. Esta ringleira de disparates é o índice da oferta inmensa dunha liberdade de expresión que debe tapar a nosa nula liberdade de decisión. Ao cidadán controlado por todas partes, que nin pode decidir a súa saúde sen atender á normativa vixente, concédeselle o privilexio narcisista de sentirse como queira. Só a condición de que solicite o correspondente certificado oficial a un estado maternal e interactivo cuxo poder deixou en cueiros o antigo capitalismo fordista, ao seu deostado heteropatriarcado.

15. O pai expulsado pola porta entra, con aspecto de nai, pola xanela. Con todo, igual que as nosas mascotas, Brancaneves pode transformarse nun ser despótico, unha Cruela de Vil armada de sorrisos e dentadura perfecta. Goza, sé quen queiras ser. We can. Ata Han se estendeu na perfidia dun poder que se presenta cun hedonista ti podes, no canto do clásico e aburrido ti debes. A disciplina heteropatriarcal era inxenua, facilmente sorteable. O control flexible da diversidade, case un líquido amniótico, é máis sibilino.

16. Atopar un xénero reatribuído. A identidade de xénero é unha desculpa xenial para ignorar a existencia, un ser singular que por todas partes hoxe é asediado. Vale dicir, para reprimir a soidade común a que nos obriga o feito inconsciente de ter nacido, de ser concibido. Debiamos sospeitar do prefixo auto. A percepción nunca é “auto”, pois percibir significa sempre a entrada dunha alteridade -non pedida- en nós. Doutro xeito non é percepción, senón a tipicamente occidental aplicación de modelos cognitivos, tamén herdados, á alteridade real.

17. O noso odio ao terreal obríganos a vender a fume de carozo máxicas solucións “científicas”, caras ou subvencionadas polo estado, a un sufrimento que adoita ser encarnizado e obedecer a unha causalidade moi complexa. Non deixa de ser significativo que gran parte dos adolescentes que se someten a tránsito estean tamén inmersos en serias patoloxías paralelas: anorexia, depresión, abusos, autismo… Nese caldo de cultivo adolescente, mesmo contra a opinión dos pais, é onde certa medicina punteira, cara e transhumana, fai o seu agosto e converte aos mozos, que talvez padezan un sufrimento propio da idade -de calquera idade-, en enfermos para sempre, en pacientes crónicos dun tratamento que os fai eternamente dependentes.

18-Trastorno rápido de disforia de xénero (ROGD). Hormonas e cirurxía, amputacións e implantes. Pero nin unhas nin outras son facilmente reversibles. Nin sequera a medicina, que dificilmente estivo á altura do recente virus, atopou un método inocuo para desfacer unha simple tatuaxe. O tormento crecente dos numerosos casos de detransición é un fenómeno do cal en moitos países avanzados nin se pode falar.

19. Mentres tanto, pois, tratamento hormonal para toda a vida. E bloqueadores de puberdade, cuxos efectos son descoñecidos a longo prazo. O corazón, o plano cognitivo, a osteoporose? Non importa, o que conta é o cortoplacismo de sempre, a imaxe elitista da corrección. A foto rápida do impresionismo informativo e os seus impactos virais, en rede. E ademais, xa se sabe, os mozos non pensan en mañá. Así que son utlizados ás veces co acordo dos seus pais, como carne de canón e canteira experimental. Se a euxenesia antiga, e toda clase de probas con medicamentos dubidosos, se cebaba en pobres e inmigrantes, en delincuentes “voluntarios”, homosexuais ou alcohólicos, agora utiliza a adolescencia como un fácil banco de probas. Liberados dos seus pais, que quizais padezan escurantismo familiar, caen en mans das correntes de opinión. E dun acéfalo estado que, máis que o antigo Deus, non ten ninguén diante de quen render contas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *