Xerardo AgraFoxo. A través da Pesquisa sobre la peste y la despoblación de Noia durante el reinado de Felipe II, datada o 15 de maio do 1599, coñecemos como a vila de novecentos veciños só quedara en trescentos, e que estes eran moi pobres e non podían pagar as rendas. O 14 de xuño, Diego Gonçalez, do concello do Son, procurador xeral da vila de Noia, informaba dos graves problemas causados pola «peste, hanbre, guerras, falta de pesca y otras cosas contenidas en la dicha real provisión». Os rexedores de Noia pretendían unha drástica redución das cargas fiscais e a condonación dalgunhas débedas contraídas coa administración pública.
Segundo as normas trazadas pola Pesquisa Real, 14 persoas foron chamadas a declarar ante as autoridades. Dez delas vivían fóra da xurisdición de Noia, é dicir, non pertencían ao distrito fiscal ou «alcavalatorio» e declaráronse imparciais á hora de xulgar os motivos desta crise xurdida no século XVI. Todas ofreceron cifras concretas sobre a natureza do drama sufrido como consecuencia das vagas de peste que actuaban coma flaxelos contra as casas dos veciños («En la Rúa Cega ay die y siete casas yermas y no ay vezinos ningunos heçepto una biuda») que moraban no casco histórico da vila. Grazas a outras expresivas testemuñas («y asi esta villa despoblada y las casas y calles medio y en mas se an caydo y cahen de hordinario muchas casas por falta de no aver quien las avite y caliente y aun estan algunas llenas de yerva que paresçen canpos — expresou Juan Teira—, vezino de San Pedro de Tállara, ou Juan Maneiro de Valvargos, vezino de la felegrisia de Santa Maria de Hargalo, que aseveraba se cree que son mas de çien casas y se an caydo pare dellas ou están tan pobres y nezesitados que solo veinte o diez se sustienen de comer y todos los demás están perdidos»), podemos apreciar como neste remate do século XVI a situación en Noia foi realmente crítica.
Como consecuencia destas puntuais informacións, o 2 de xullo do ano 1599, o licenciado Hierónimo de la Puebla Orejo realizaba dende a vila de Noia a seguinte análise da situación: «Y an quedado como 300 vecinos, y los demas se an muerto en tres pestes que ha habido desde 29 años aca, y la ultima el año pasado de 98 que duro seys meses y se murieron en ella mas de 700 personas». Finalmente, dadas as baixas e perdas que sufriu Noia nestes duros tempos, o informe remataba indicando que lle «pareçe que las causas que ha representado la dicha villa son justas para que V. Al. le aga merçed de darle el encaveçado en la cantidad que conforme su posibilidad pudiera llevar».
Ademais destas consecuencias demográficas, xurdiu no concello un período de desgaleguización e a conseguinte perda de identidade. A imposición e introdución dunha oligarquía nobiliaria de fala castelá significará que en Noia as clases traballadoras (obreiros, campesiños, mariñeiros, artesáns e pequena burguesía) falen galego, mentres a burguesía mercadora e as clases vinculadas ao aparato estatal empreguen a lingua dominante, o castelán, que cumpre a función de asimilación e destrución cultural ao relegar o galego a situacións familiares, grupos sociais primarios e ambientes coñecidos.