Non nos intimida acariñar o elefante

descarga (1)Mariña Pérez Rei. Adoita presentarse o traballo poético coma unha angueira individual, non exenta de misticismo e de halos bucólicos. Como moito, unha suma antolóxica e taxada de varios creadores exentos. Poucas veces se fala do elo que une autores e autoras, do traballo horizontal que nos alimenta, da conexión, da confluencia, das pontes que nos conectan. Sen menosprezar o esforzo individual, deberiamos recoñecer cando menos que a literatura ten moito máis peso colectivo do que se lle outorga, e que a autoría é unha creación relativamente moderna que medra ao amparo do selfie e do copyright. De seu, a escrita colectiva poida que se asemelle máis ben ao xogo do tetris ou a un crebacabezas, buscando ocos, mellorando a habitabilidade e os fluxos, ocupando espazos que delatan eivas, carencias, hipérboles e outros vicios ocultos da construción.

Nesa liña de intervención colectiva participamos na experiencia do libro Intimidación, asinado como Colectivo Maiakovski, e que nos xuntou a dez autoras e autores. A orixe deste macrotexto nace da poética, asertiva e indagadora ao mesmo tempo, de Xerardo Quintiá, que se vén unir á serenidade incisiva da palabra de Baldo Ramos. Vaise estendendo coa achega de voces variadas, desde a ollada social de Daniel Salgado á fina perspectiva feminina de compañeiras poetas que enriquecen a linguaxe como Elvira Riveiro, Tamara Andrés ou Lara Dopazo; desde a mestura de texto e imaxes poderosas de Cristina Ferreiro, á atenta sensibilidade suxestiva de Carlos Negro ou ao cuspe de furia necesario de Lois Pérez. Ganduxándoo todo, voando moi por enriba, coma un cóndor, a poesía emprestada de Maiakovski.

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Versos épicos, versos humorísticos, versos que magoan co seu realismo, co seu ton ora irónico, ora lúdico; esmiúzanse falsos idearios, iconas, linguaxes preelectorais e falsarias ao carón de imaxes de beleza intimidatoria que queren significar canto nos amedrenta a ramificación da linguaxe da Besta. Voces transgresoras que cuestionamos o statu quo, que manifestamos abertamente a presenza dun magma intimidatorio que nos abafa. No texto, a ameaza bifúrcase en planos que se cruzan mimeticamente: o ámbito político, a cultura intervida, a utilización orwelliana da linguaxe nos medios, as fake news, a violencia de xénero, a expresión da identidade, a soidade forzosa, a enfermidade que dobrega a nosa autosuficiencia, etc.

O medo á Besta é senlleiro e transversal. Mais non se constrúe un poema común con parcelas acoutadas de arrós e valados, senón que debemos dotalo desde o primeiro momento dunha permeabilidade suficiente que dea paso á intervención allea. Esixe un aquel de humildade o feito de entregares a túa creación para que, se cadra, outra voz a deconstrúa, a mellore, a enferruxe ou a mutile. Un texto circular que  finalmente erga, con todas as achegas, un enunciado coherente, unha respiración acompasada, única, un corpo de animal que trota e descansa.

Dixo algunha vez o Conde de Lautréamont que a poesía debe ser feita por todos, non por un(ha) só. Na autocrítica, meses despois da edición, subxacen as dificultades de cohesión, as esixencias de gardar un ton, o desafío de acadar un resultado global, heteroxéneo, e asemade unido; procurar en todo ese mosaico un predio habitable polas nosas emocións, un coliving consciente.

Por enriba de todo, o pracer de escoitarse, de compartir. O xogo, o caligrama, as palabras agochadas, o intertexto, o poema antinómico. A autoría diluída nunha anonimia infinita, só acoutada temporalmente por dez nomes e catro movementos.

Seica tamén deixou dixo Lautréamont: “O elefante déixase acariñar, o piollo non” Linguaxe do atrevemento. Nada nos arreda. Obviamente, ningún fin utilitario, coma calquera artefacto literario que se prece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *