Rechouchío, de Álvaro de las Casas

rechouchíoXerardo AgraFoxo. Existían dúas edicións –en galego– desta peza dramática do que durante a Segunda República fora catedrático de Xeografía e Historia e director do Instituto de Segunda Ensinanza de Noia. A primeira apareceu no ano 1936 na colección Nós. Pubricacións Galegas que editara Ánxel Casal, alcalde da cidade de Santiago, antes de que os fascistas o pasearan en Cacheiras (Teo). A segunda edición, foi publicada tres anos máis tarde por Emecé Editores –concretamente, o 3 de novembro de 1939– en Buenos Aires, que tirou na Imprenta López 470 exemplares cando xa o autor ourensán se exiliara por culpa da Guerra Civil española.

A presente é unha edición facsímile –“rematouse de imprentar en NÓS o 22 de marzal de 1936”– que conta cun estudo introdutorio de Xavier Castro, profesor de Lingua Galega do Instituto Virxe do Mar de Noia, onde, coma Álvaro de las Casas no seu día, ocupa na actualidade o posto de director. ALVARO-DAS-CASAS-01No erudito limiar cóntase a intrahistoria das dúas edicións e realízase unha coidada exposición sobre as catro escenas que compoñen a historia de amor –entre os mozos Novelúa e Ronsel– no marco dunha bucólica ambientación: “Un xardín florescido tal coal imaxinan os nenos nos seus ensoños de pecado venial”.

Esta nova publicación ofrece ademais unha “Cronoloxía Bio-Bibliográfica” do creador de obras tan emblemáticas como Pancho de Rábade e Matria. Álvaro de las Casas volveu do exilio sudamericano –cara a Barcelona– en febreiro do ano 1950, onde morreu unhas semanas máis tarde. Os seus restos repousan en Sabucedo de Montes (Ourense).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *