Ñaque, de piollos e actores

ñaqueAntonio Piñeiro. Teatro Allegro, Suso Marnu e Carlos Canas, din terse namorado da pendencia branda, descoideira e comprensible de Ríos e Solano, os personaxes do ñaque que, na versión de José Sanchís Sinesterra, temos ocasión de compartir estes días en Corrubedo, no Sursum Corda. Cando se trata de amor -dixo alguén- non se pode esperar outra lóxica que a dunha viaxe inesperada. Aí a explicación da espontaneidade magnífica, desta agradecida, intelixentísima hora e media de comedia pura e reveladora. Polo camerino, que neste Ñaque é xa elemento interpretativo (está dentro do escenario), pasan os entreactos, os actos, situacións, fundidos, caracterizacións, rostros, reais ou figurados, mans, obxectos, acenos e trazas que, acó e aló, van intercambiando niveis de diálogo, como nunha linguaxe paralela de sensacións, da que o público se fai inmediatamente cómplice. A unha fogaza de pan dezaoitesco sucédelle o asento dunha cunca de vater de metacrilato (no papel de obxecto e recurso metafórico desa viaxe de carencias que é a viaxe de cómicos, que o é, á súa vez, metáfora de vida).

OLYMPUS DIGITAL CAMERAA grandeza do teatro é a da reacción espontánea, a resposta ou o respecto emotivizados, somatizados, sentibles máis ca verificables, e a lectura de Suso  e Carlos logra, intelixentemente, arrincar respostas, reaccións, mesmo nas pasaxes máis metateatrais; fixalas, emprazalas ou facelas fluír nun dinamismo interpretativo que adoita ser menos común nas representacións con só dous actores (ñaques).

O xogo cos estratos da ficción é, quizais, a clave. Unha sorte de descolocamento perceptivo que, inevitablemente, obriga a estar ao mesmo tempo na interacción e na reflexión. Solano fala: Oe, Ríos! Que? Suso Marnu, pálido, dá a impresión de ter caído da obra. Pon cara de espanto. Fai sentir que treme por dentro. Deixa sobre o baul o que leva nas mans. As luces acéndense e a función interrómpese. Que foi? Suso mira cara ao público e di: Que quedei en branco. Un frío cae sobre a escena. Hai un murmurio. O público foi levado a un dos limbos da obra. O ñaque confúndese coa súa propia situación, a da platea. Carlos e Suso dilatan esa tensión uns segundos. Ah, xa me acordo! E a maxia prodúcese á inversa, claro, no estremecemento que aínda non acaba de saber se foi suspendido da realidade ou na realidade nova, sensorial/sensual, da comedia, da mascarada grega, desa outra vertente do soño que é o teatro, a interpretación dun fragmento de vida ou da vida nun fragmento.

ñaque2Pregúntolle sobre iso a Suso (Solano). Dime: actuar, entender a través do teatro, ir dun sitio a outro, comunicar. O silvestre, de improviso, fíxose taboado, atrezzo, candilexa, diabla, golpe de voz, pausa, eco interpretativo. Fágolle a mesma pregunta a Carlos (Ríos) e dime: Actuar, interpretar, entender, etcétera. Ao momento entendo que Suso Marnu e Carlos Canas saben que trouxeron consigo aquel instinto de Barraca, da arte máis pura e ambulante que concibira Lorca, esa grandeza, a unha corrala de herba, océano e estrelas, onde a propia natureza é soño e escenario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *