Carlos Mosteiro. Os domingos os xornais engordan. Veñen acompañados de suple-mentos de todo tipo. As empresas editoras presumen que os lectores van ter máis tempo para unha lectura demorada, así que nos agasallan co inevitable dominical. Nunca lembro os títulos destas revistas, e poucas veces os contidos, case sempre moda e información lixeira. Apenas lles dedico os cinco minutos que utilizo en facer o que teño que facer e que non admite demora nin aprazamentos. Nin un minuto máis. Vai para a caixa da reciclaxe. Pero un destes domingos pasados si que atopei algo. Parei nun artigo que relacionei de inmediato co noso cafebarbantia. Resulta que hai oito anos unha tal María Popova, sendo inda estudante universitaria, decidiu empezar unha newsletter para sete amigos. Cada día lles enviaba un artigo sobre un tema determinado. Faláballes do estilo vocal de David Bowie, da verdadeira balea que inspirou Moby Dick, de neurociencia… a idea era que cada asunto se puidese ler en menos de catro minutos. Aqueles correos son hoxe un blog, Brain Pickings, con sete millóns de lectores e unha mención especial da Biblioteca do Congreso, que a considerou “un material de alto valor cultural”.
As culturas satisfeitas e ben alimentadas é o que teñen, son quen de aparcar sectarismos e prexuízos (polo menos algunhas veces) e recoñecer a valía dunha iniciativa máis alá da tribo que a promove. Non teño suficiente fe no xénero humano como para imaxinarme a Núñez Feijoo mencionándonos na súa comparecencia semanal ante os medios e loando as nosas iniciativas, ou reservándonos un espazo barbantia en Gaiás.
María Popova estivo en Barcelona recentemente para o festival FafFest. Falou do que era o seu blog. Ben, definiuno ao revés, dicindo primeiro o que non era: “Nin listas, nin relatos en primeira persoa, nin vídeos de gatos”. É unha ferramenta do que se dá en chamar creatividade combinacional: tomar fragmentos do coñecemento, das observacións e opinións dos demais e transformalo en coñecemento colectivo. Nada de publicidade, nin sequera iso que se dá en chamar publicidade nativa, esa que se fai pasar por contidos. Todo de balde e accesible. Un cafebarbantia con sete millóns de seguidores e unha mención da Biblioteca do Congreso. Nós inda non temos esa difusión, máis todo se andará. O que temos máis complicado é o recoñecemento do conselleiro. Iso pertence á ciencia ficción.