Inés Otero. Esta ácida novela reflicte algúns episodios biográficos da autora, filla dun banqueiro xudeu que tras a revolución rusa abandonou coa súa familia Ucraína. Irene, de 16 anos, puido retomar os seus estudos en París, onde obtivo a licenciatura en Letras. Aos 18 años comezou a escribir e no 1926 casou co enxeñeiro Michel Epstein. Vítimas das leis antisemitas do goberno de Vichy, no ano 1940 refuxiáronse na vila de Issy-L´Éveque, pero tiveron que levar a estrela amarela. En 1942 ela foi internada no campo de Pithiviers e deportada a Auschwitz, onde morreu de tifo o 17 de agosto dese ano. A mesma sorte tería o seu home tres meses máis tarde.
En el vino de la soledad, cóntase a historia dunha rapaza, Elena, dende que marcha de Kiev, con oito anos, ata que chega como refuxiada a París, cando xa é maior de idade. A nai da moza, Bella, fermosa, frívola e de orixe nobre, despreza o seu home, Boris Karol, un potentado xudeu, e tamén a súa filla. Neste sórdido ambiente, Elena só atopará acougo en Mademoiselle Rose, a aia francesa que consegue illala das liortas familiares. Pero, tras a morte desta muller e a decisión da nai de instalar na casa o seu amante, a rapaza intentará vingarse dela, a quen cre culpable das súas desgrazas.
Esta melancólica obra, a máis autobiográfica da autora, retrata sen compaixón –cunha prosa coidada e descricións axustadas– uns personaxes carentes de afectividade: un pai, só preocupado polo xogo e as finanzas; e unha nai, ególatra, distante, cismando sempre coas súas xoias e os seus amantes. Dous personaxes envoltos na atmosfera dunha Europa decadente, aquel mundo envelenado que daría lugar uns anos máis tarde os campos de exterminio.
Por certo, antes de morrer nas cámaras de gas, Michel Epstein deixoulle ás fillas unha maleta con varios manuscritos da nai. O que sucedeu despois xa o sabedes todos.