Demografía co cu ao aire

baja-natalidadX. Ricardo Losada. Leo noticias alarman-tes sobre Galicia. A taxa de fecundidade é moi baixa e a Comunidade Europea di que en vinte anos perderemos trescentos mil habitan-tes. Non me estraña. Equivocá-monos centrando as políticas de natalidade no coidado dos fillos (cheque bebé, permiso para lactación, conciliación familiar), medidas axeitadas para países de longa tradición ilustrada, pero non para Galicia, que pasou do feudalismo ao capitalismo salvaxe dun día para outro.Imos de burgueses pero conservamos a alma dos animais cos que conviviamos ata hai pouco. Recuperemos pois como modelo as políticas demográficas dos galos de curral e das vacas, centradas no protocolo sexual, adaptémolas á nova situación da femia na modernidade, e esquezamos esa obsesión egoísta polo sexo planificado e seguro. É sintomático: xa non queda un só galego que se gabe de coller un constipado por facelo co cu ao aire. Agora, cada vez que a un galego lle entra un arrebato, desconecta a libido pensando que non compensa arriscarse a ter un fillo que xa non é unha inversión económica, como no feudalismo galego de toda a vida, senón un gasto que computa no déficit por conta corrente. Non, darnos facilidades para coidar fillos que non queremos é un contrasentido. O que necesitamos é recuperar e aumentar os contactos sexuais imprevistos e inseguros (co cu ao aire), iso si, e por aquilo da estabilidade, dentro do matrimonio.

vellos venecia     Ata os civilizados daneses, que teñen un problema similar ao noso, me dan a razón. Unha empresa privada dese país, tras descubrir que os daneses fan máis o amor, e de forma máis arrebatada, en vacacións, sobre todo se viaxan a unha cidade romántica, ofrece descontos, descontos por ovulación, chámanlle, a aquelas parellas que viaxen a cidades como París ou Venecia, sempre que a muller acredite con datos do seu ciclo menstrual que viaxa no período máis fértil. Os nacementos aumentaron (nunca mellor dito) que dá gusto. Pero reparade no importante. A medida incide no protocolo do asunto, non no coidado das súas choronas consecuencias, e no instinto animaliño dos amantes, ben disfrazado, iso si, dunha terminoloxía científica (ovulación, ciclo menstrual, hormonas) que, no caso dos galegos, sería innecesaria, mesmo contraproducente. En cuestión de conas e pirolas, nunca nos excitaron os eufemismos.

    Unha medida tal si funcionaría en Galicia. Con algunhas variantes, desde logo, como corresponde a un pobo cuxa intelixencia pouco ten que ver coa duns nórdicos que para pasar do feudalismo ao capitalismo necesitaron cinco séculos. Aquí non deixariamos un tema tan delicado en mans privadas. vellosFaríase cargo o goberno, que o resolvería con intelixencia tipicamente galega: sacando tallada como Deus manda. Subvencionaría viaxes a lugares románticos tipo París ou Venecia a aquelas parellas que acreditasen fertilidade ideolóxica, perdón, quixen dicir fidelidade ideolóxica. Ás parellas de ideoloxía contraria mandaríanas a excitarse co baño das nove ondas das frías augas da Lanzada, que, diría a propaganda do goberno, leva séculos dando moi bos resultados natalicios. Algún espelido quintacolumnista dirá que, con esas medidas, en pouco tempo o 99% dos novos galegos serán da ideoloxía do goberno. Certo, pero o problema é tan dramático, que non estamos para sutilezas éticas. Recuperar a tradición de facelo co cu ao aire (iso si, matrimonios, levando a iniciativa a femia, e en cidades románticas) ou extinguirnos. Non queda outra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *