A prol do lecer. Stevenson

Apoloxía dos ociososRomán Arén. A editorial Trifolium, na interesante colección Musa pedestris, ofrece unha pequena obriña de R. L. Stevenson, Apoloxía dos ociosos. Stevenson é un autor con sorte entre nós, pois ten varias das súas obras traducidas ao galego. Neste caso a versión á nosa lingua é de Mª Fe González Fernández. Así comeza o alegre autor: “Nestes tempos, cando todos estamos abocados, baixo pena de ser condenados a un delito de lesa respectabilidade, a desenvolver algunha profesión lucrativa e levala a cabo con non pouco entusiasmo, as protestas da parte oposta, que se contenta con ter o suficiente e á que lle gusta contemplar, entrementres, o que ten ao seu redor e pasalo ben, teñen un certo resaibo a bravata ou fanfurriñada. E, non obstante, non debería ser así”. Non hai ninguén menos próximo á moral vitoriana que Stevenson. O que une a capitalistas e comunistas é a súa veneración pola cuestión do traballo. Non pode un deixar de pensar, ao ler a Stevenson, no xenro de Marx, Paul Lafargue, autor dunha obra única: O dereito á preguiza, que tamén está traducida ao galego. apoloxia stevensonO editor pon unha nota á fronte deste folleto na que nos lembra a opinión de Cesare Pavese: Stevenson introduce na literatura inglesa a lección estilística dos naturalistas franceses (para el Flaubert e Maupassant): o amor pola palabra xusta, o senso da cor, o matiz esencia e, ao tempo, o noxo polo exceso sentimental. E o autor d’O demo nos outeiros da que hai versión galega, sabía ben do que falaba, non en van era un gran tradutor da narrativa anglosaxona.

Stevenson canta a vida, a sabedoría do lecer, a felicidade. A ociosidade non como pasividade, senón como amor a facer as cousas non valoradas pola clase dirixente. Coincide con Hazlitt en que un bo compañeiro é o mellor benefactor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *