Transatlántico, de Colum McCann

TransatlánticoAntón Riveiro CoelloTransatlántico (Seix-Barral, 2014), é a última novela do irlandés Colum McCann, considerada pola crítica como o seu mellor traballo. Ao meu modo de ver, non estou tan certo, porque Let the Great World Spin (Que el vasto mundo siga girando, 2009) forma parte do meu canon particular e téñoa na consideración dunha das mellores novelas que lin neste século e que me fixo estar atento á interesante obra deste autor que naceu en Dublín en 1965 e gañou unha morea de premios importantes, como National Book Award ou o International IMPAC Dublin Prize. Entre os seus traballos, á parte dos dous citados, están algúns libros de éxito internacional como  Perros que cantan (1995), A este lado de la luz (1998), El bailarín (2003), Zoli (2006) e os libros de relatos, Fishing the Sloe-Black River (1994) e Un país donde todo debe morir (2000).

Malia as miñas preferencias pola súa anterior novela, Transatlántico é un libro emocionante e de primeirísimo nivel. Á súa complexidade estrutural, que abrangue un período nada menos que de tres séculos, o autor engádelle unha mestura perfecta entre as historias persoais dos protagonistas e a historia escrita con letras maiúsculas. E do mesmo xeito que o acróbata Philippe Petit protagoniza na súa anterior novela unha fazaña sobre un cable tendido entres as desaparecidas Torres Xemelgas, Colum McCann é quen de camiñar cun elegante equilibrio polo crebadizo fío que separa a realidade da ficción. E faino cunha sutileza e unha mestría fóra do común.

trans 2Outro dos méritos máis grandes desta novela consiste non só en como está escrita senón na perfección para encaixar todas as pezas, todos eses saltos temporais que, máis que un capricho do autor, son a esencia do libro e responden a unha lóxica esmagadora:

Por unha banda, no ano 1919, Alcock e Brown, acadan a proeza do voar o transatlántico dunha tirada, sen escalas, dende Canadá até Irlanda. Fano nun bombardeiro amañado para a ocasión. Nese avión vai unha carta da reporteira Emily Ehrlich, misiva que tardará case un século en ser aberta e nela contense o destino de catro xeracións de mulleres.

En 1845, Frederick Douglass é un activista e escravo negro americano que chega a unha Irlanda castigada por un intenso andazo de fame para espallar as ideas de liberdade entre un pobo que está pola causa abolicionista. Nesa viaxe tamén busca quen lle publique a súa autobiografía e así non ser apañado de novo polo seu antigo propietario.

E finalmente o senador George Mitchell procura en 1998 unha promesa de paz en Irlanda do Norte que non dá chegado.

que_el_vastoPois ben, sobre estes fíos argumentais tan afastados, Colum McCann ergue unha novela grande que nos seduce por esa disposición cronolóxica que condiciona o suspense, por esa carta misteriosa que está latente durante toda a narración, polas dúbidas que os aviadores teñen para faceren a súa viaxe transatlántica, polo abraio dese activista negro diante do contraste que lle ofrece unha Irlanda empobrecida, entre outras cousas, pola crise da pataca, polas xeracións de mulleres que loitan por conseguir a súa independencia e sobreviven en duras condicións e, sobre todo, pola rutina duns personaxes que acabarán arrastrados por unha historia que é, en definitiva, a Historia dun país como Irlanda. Coser todas esas historias con esa habilidade fai que recomende esta deliciosa novela, máis como autor que como lector. Nela hai unha lección maxistral de alta literatura. E, do mesmo xeito que na anterior, confírmase a voz dun autor grande para este século. Paga a pena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *