Dinosauros no Barbanza: Evolución e gastronomía

A bisavoa María desplumando un dinosauro aviario a finais dos anos 70
A bisavoa María desplumando un dinosauro aviario a finais dos anos 70

Jose Lires. O título resulta un chisco provocativo, recoñézoo. Son consciente de que os máis avezados lectores, coñecedores do azoico substrato ígneo ou metamórfico e da historia xeolóxica da rexión, ficarán incrédulos nas súas cadeiras considerando a imposibilidade de atopar restos de dinosauros na contorna, e por extensión na Galiza. Un recoñecido escritor do noso país afirmaba nun texto moi suxestivo que «a nostalxia polos dinosauros (sic) é un hipócrita laio polas grandes churrascadas que perdemos». Mais non falo de fósiles, testemuñas dun pasado remoto, senón de animais que actualmente ata comparten espazos con nós.

Non é a primeira vez que gusto de remexer nos miolos de bulideiros ouvintes. Nun destes parladoiros, deixei caer unha pregunta con moita intención ao auditorio. Quería que me dixesen cales poderían ser os descendentes vivos -se é que os había- dos dinosauros. A disparidade de respostas foi grande: serpes, lagartos, crocodilos… Só un alumno aventurouse a proclamar que eses parentes misteriosos aos que me refería eran as gaivotas. Unha afirmación que provocou risas e incredulidade entre os compañeiros. Quizais a súa resposta evidenciaba un discreto caso de serendipia escolar pero en todo caso estaba no certo: as aves constitúen un grupo especializado de dinosauros. Na actualidade vivimos entre máis de dez mil especies de réptiles con alas -cerca de medio milleiro na nosa comunidade!.

Hai moitos rapaces -e non tan rapaces!- aos que lles fascinan os dinosauros. Recitan os seus nomes científicos sen trabucarse, colecciónanos en cromos, bonecos, e en bandas deseñadas; pero poucos reparan en que cando comezaban a gatear, os dinosauros formaban parte esencial da súa dieta.

A día de hoxe os paleontólogos non dubidan en colocar no crebacabezas da evolución as pezas, hipóteses plausibles, que apuntalan a teoría dinosauriana da orixe das aves. Modificacións no pulso, clavículas fusionadas, extremidades anteriores alongadas… Novidades evolutivas que comparten as aves primitivas cun grupo de terópodos, os maniraptores, ao cal pertencían os televisivos velociraptores.

De cando en vez visitamos as dunas de Corrubedo e as veciñas lagoas de Carregal e Vixán acompañados dos nosos fillos. Son lugares privilexiados para observar dinosauros aviarios. Alí elucubramos sobre o xeito en que estes réptiles alcanzaron un voo eficaz. A hipótese con máis adeptos propón que foron dinosauros corredores, valéndose da velocidade, os que lograron despegar do solo: pasos firmes cara á conquista do ceo. Porén, unha confusión moi espallada é a de identificar os pterosauros -réptiles voadores- cos dinosauros, e no cumio do ofuscamento mesturalos coas aves. A escorregada é comparable a asemellar morcegos con parrulos. As dúas especies posúen a capacidade de voar, pero todos sabemos que os morcegos son mamíferos, e non aves.

Talvez o meu interese non sexa tan gastronómico coma o de Manuel Rivas, mais sinto saudade daquelas tardes infantís de sábado en Noia a finais dos 70, onde a miña bisavoa despenaba, sentada nunha cadeira, un impoñente dinosauro que sería protagonista no xantar dominical.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *