Manifesto sedentario

Praia antonio garcía na praia, Sorolla
Antonio García na praia, Sorolla

X. Ricardo Losada. <A Blaise Pascal, de quen tomei o grito de guerra sedentario: Todo o malo vén de non saber estar a gusto na casa.>

Agora que vén agosto, unha recomendación: antes de planificar as vacacións reflexiona sobre se es nómade ou sedentario. Canto teño sufrido por culpa dunha sociedade que prima o nomadismo. Como era posible, dicíame, que chegasen as vacacións e non me apetecese saír de viaxe. Así que viaxaba, porque había que viaxar. Non o pasaba mal pero tampouco mellor que en Rianxo. Decidín saír do armario e declararme sedentario cando me dei conta que as dúas razóns que daba para viaxar eran contos chineses. Como ía ser certo que viaxaba para coñecer outras culturas se non tiña interese ningún en coñecer os xitanos de Ribeira, as testemuñas de Xehová de Boiro ou os subsaharianos que veñen ás festas de Guadalupe. Por riba, descubrín algo obvio: aprendes máis doutras culturas lendo libros de viaxes de expertos que viaxando persoalmente. praia chuviaE peor aínda era aquela razón de que viaxaba para desconectar. Desconectar é un proceso mental. Ou sabes desconectar en calquera sitio, ou non sabes. Recoméndovos o que fago eu: en vacacións levántome á mesma hora que en días laborais, paso por diante do instituto onde traballo, míroo en fite uns minutos e voume á praia a pasear. ¡Desconexión total! É máis, se fose certo que a xente desconecta a distancia, viaxar sería unha trampa mortal. Algo parecido ao que lles pasa aos drogodependentes: fan terapia nunha granxa e cando volven á casa reinciden con maior intensidade. Fixádevos nos que van lonxe de vacacións. O primeiro día de volta ao traballo chegan eufóricos e en canto din “Estiven na Antártida, im-pre-sio-nan-te…”, xa se están a queixar dos horarios, os clientes ou os alumnos, da pereza que dá comezar. ¡Ata chegan ao delirio de gabarse de disfrutar máis eses quince días de vacacións que os outros trescentos cincuenta do ano!

     Porei un exemplo. Cando un sedentario di “Gústame a praia”, praia significa area, mar e vento. É o concepto que manexo eu, por iso é imposible que me aburra en Rianxo. Gústame a praia verán e inverno, con xente e sen ela, marea baixa ou alta, día ou noite. Para un nómade, a praia é area, mar, vento e sol. Erro fatal. Ao engadir o sol, en vez de gozar a praia 365 x 24 horas ao ano, só poderán disfrutala un número indeterminado pero significativamente menor. Coñezo moitos veraneantes madrileños con esa tipoloxía. Din vir a Galicia á praia e desespéranse porque está nubrado ou chove. praia picasoPatético, porque a praia segue no seu sitio, e máis fermosa, relaxante e normalmente coa auga máis quente que os días de sol. Só con que asumisen o concepto real de praia, pasarían unhas vacacións marabillosas. Pero élles imposible. Viron demasiados carteis de praias nas axencias de viaxes e están neuroticamente convencidos que o sol é parte da esencia dunha praia. Pero a cousa non acaba aí. En canto lle engades un elemento á esencia de algo (pensade nos teléfonos móbiles), acabas secuestrado por ese refrán nómade terrible: Na variedade está o gusto. Xa non chegará que a praia teña area, mar, brisa e sol. Deberá incluír arrecifes de coral, chiringuito con caipiriña, hotel con piscina, illas paradisíacas e un longo etcétera en aumento cada verán.

     ¿O meu consello? Se tes a incómoda desgraza de ser nómade, viaxa moito, pero porque es nómade, non para coñecer culturas diferentes ou para desconectar. Se es sedentario, sal do armario e berra comigo: Na variedade busca o gusto quen non o ten. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *