Xerardo AgraFoxo. Cinco anos despois de La historia del amor –galardoada co Premio Internacional William Soroyan e o Premio de Francia ao Mellor Libro Estranxeiro, ademais de finalista do National Award e do Premio Orange– esta autora norteamericana publica agora esta novela que nos leva dende Nueva York a Xerusalén, de Londres a Budapest a través dun período de corenta anos. Un argumento construído ao redor dun suxestivo fío condutor: un vello escritorio que –seguramente– pertenceu no seu día ao poeta Federico García Lorca.
En Nova York, unha escritora estivo utilizándoo dende que en 1972 llo prestara un poeta, Daniel Varsky, vítima da policía secreta de Pinochet. Un día, unha muller que di ser filla do bardo chileno reclama o moble. Entón a vida da escritora xa no será a mesma. Ao outro lado do océano, en Londres, un home descobre o secreto que durante cincuenta anos lle escondeu a súa muller. E, por último, unha moza que estuda en Oxford traba amizade cunha excéntrica parella de irmáns cuxo pai é un anticuario israelí especializado en recuperar mobles espoliados polos nazis.
Baixo o título de La Gran Casa, que alude á destrución do templo de Xerusalén e á tradición hebrea de construír unha “mansión” que sexa o berce para lembrar as páxinas máis salientables do pobo xudeu, Nicole Krauss tece con mestría un mosaico de memorias entrelazadas. Catro historias onde a busca do sentido da vida e a comprensión dos principais acontecementos políticos do século XX constitúen o eixo desta curiosa e engaiolante trama. Unha obra sen diálogos –cunha lectura esixente e longos capítulos, case relatos– que semella unha metáfora sobre o sentido de culpabilidade que nos poden transmitir os nosos devanceiros cando a máquina da historia os atrapa.