Vai de centenarios III

garcia bayonRomán Arén. Remato estes exercicios de memoria lembrando a Carlos García Bayón, xornalista de raza, bo cronista de fútbol e moi bo como xornalista de opinión en Meridiano de Actualidad. Cronista oficial de Ribeira, colaborador de La Voz de Galicia, foi un dos máis importantes xornalistas galegos da postguerra, colaborando en La Región, La Vanguardia, El Correo Gallego, ABC, Encrucillada. Son dignos de lembrar os seus libros de viaxes e as súas crónicas, e o concello de Ribeira e La Voz de Galicia farían ben en lembrar a súa figura. Tamén o concello de Porto do Son ten a obriga moral de festexalo, pois en Xuño viviu case toda a súa vida. En 2005 recolléronse varios dos seus artigos en galego en Cartas desde a Costa da Morte e dedicáronlle unha boa exposición.

eladioEstamos tamén no 150 aniversario do nacemento de Eladio Rodríguez González, o noso grande lexicógrafo, autor da monumental Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), editado postumamente grazas ao empeño de Ramón Piñeiro, e hoxe felizmente reeditado. Como se lle dedicou un Día das Letras Galegas a súa obra poética (Folerpas, 1894; Raza e terra, 1922 e Oraciós campesiñas, 1927) está reeditada. Membro fundador da RAG, foi o seu presidente de 1926 a 1934, e pasou tragos amargos para que a institución sobrevivise na brutal guerra civil e na primeira postguerra.

Hai pouco aínda que se nos foi Avelino Pousa Antelo (1914-1912), rexo galeguista, presidente da Fundación Castelao, ensaísta, xornalista e mestre. A súa terra natal lembrouno hai pouco.

En 1914 falecía Noé Vila, é dicir, Avelino Barbeito Hermosilla, nado en 1850, contertulio da Cova Céltica, membro de Solidariedade Galega, bo sonetista, autor do volume Nada (1906).

Estamos tamén no 150 aniversario do boirense Manuel Suárez Lorenzo (1864-1949), franciscano a quen se debe a tradución ao castelán da Historia Compostelana (1950), mais tamén editor do Cronicón Iriense (1929-1930).

cortazarAh! E Cortázar, tan relacionado con Dieste, Seoane, Cuadrado e outros galegos da diáspora, a través da súa primeira muller, Aurora Bernárdez e do seu cuñado, bo poeta e que tamén escribiu en galego, Francisco Luis Bernárdez. Cortázar, que visitou Galicia, grazas ao seu centenario, vai dar pé a un novo libro de Francisco Fernández Naval. O legado fotográfico do autor arxentino gárdase en Galicia e contamos xa un canto seu traducido ao galego pola editorial Trifolium.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *