La muerte de Virginia, de Leonard Woolf

la muerte de virgXerardo AgraFoxo. Este fermoso libro, publicado por Lumen no ano 1975 e editado recentemente, constitúe a última parte das memorias de Leonard Woolf (1880-1969), marido da autora  de Orlando e A señora Dalloway, político inglés e notable escritor que pertenceu ao recoñecido grupo literario de Bloomsbury. A obra consta de catro partes: La muerte de Virginia, Hogarth Press, 1941-1945 e Todos nuestros ayeres, as tres últimas cun claro aspecto memorialístico. Cada unha das páxinas da primeira parte, ateigadas todas de amargura e desesperanza, contan a tráxica historia que viviu Virginia Woolf dende que Hitler chegou ao poder. A partir desta data, vendo que ningún país lle poñía resistencia á ditadura nazi, a escritora sufrirá terribles pesadelos. Cando comezou a II Guerra Mundial o matrimonio está acubillado na súa residencia de Rodmell, en Sussex. Dende aquí observarán arrepiados como os avións coas esvásticas debuxadas na fuselaxe camiñan por enriba dos tellados da súa casa para bombardearen sen piedade as cidades inglesas.

la muerte de virg2O autor explica  as constantes crises nerviosas que sofre a escritora (Unha depresión desesperante abaterase sobre Virginia; as súas ideas sucedíanse sen control. Era evidente que en calquera momento podía suicidarse).  E como o medo a ser prisioneira dos invasores nazis a mergullará nunha crise que provocará o seu suicidio no río Ouse –aquel tráxico  28 de marzo de ano 1941– despois de poñer o abrigo, encher os petos de pedras e deixar aquela temida carta sobre a repisa da cheminea: Comezo a oír voces e non podo concentrarme. Así que vou facer o que me parece mellor.

Leonard tamén conta, con sinceridade e emoción contida,  como atoparon o cadáver da súa dona tres semanas despois e como soterrou coas súas propias mans as cinzas de Virginia ao pé do gran olmo que había a carón da súa mansión de Monks House.

 Unha excelente lectura dun clásico da literatura inglesa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *