Xornadario balcánico (día 11) Xoves, 11 xullo 2012

corderoAgustín Agra. …esperto bañado en suor. A calor agoniante do día, o termómetro celebrou a nosa chegada a Herzegobina acadando os 39ºC, semella non remitir no transcurso da madrugada. Fóra, as carricantas inzan a noite co seu canto, espesan o aire coa estridencia da súa cantilena incesante.            Intento prender outra volta no sono. No entresoño veñen a min as imaxes do día: a reconstruída ponte de pedra (StariMost) que atravesa o Neretva; a dos intrépidos rapaces que xogan a vida saltando ás augas verde agrisadas do río dende as súas alturas; os centos de andoriñas que nos sobrevoan traballando de xeito incesante a prol das súas niñadas; os esveltos minaretes das mesquitas, as casas brancas entre arbustos, as tendas de artesáns e de recordos, dispostas como en calquera outro zoco musulmán: estreito, concorrido e bulicioso…

Concéntrome no intento de recordar algunha das agudas descricións que fai da cidade Rebecca West (pseudónimo da xornalista nada en Irlanda CecilyIsabelFairfield, parella durante moitos anos de H. G. Wells) en Cordero negro, halcón gris, un dos grandes libros de viaxes de todos os tempos no que describe a súa visita na primavera de 1937 ao daquela Reino de Iugoslavia. mostar2Concéntrome, pero tan só acoden a miña mente visións que arreguizan: fachadas ateigadas de impactos de disparos, tantos anos despois da fin da guerra, nunha casa tras outra; sacos terreos que aínda persisten cegando portas e ventás en edificios do Boulevar, a ampla avenida que delimitaba a liña de fronte entre a zona dos ustachas croatas do HVO –responsables da demolición do StariMost– e a dos musulmáns (noutrora aliados en contra do común inimigo, os chetniks serbios); as pegadas das balas –de esquerda a dereita e de abaixo arriba– que permanecen sobre un muro como testemuña dun fusilamento ou dun paseo rematado en metrallamento…

            Adormezo. Fóra, empoleiradas sobre os toros das árbores, as carricantas de Mostar continúan a metrallar o aire, atronando a noite coa persistencia da súa chamada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *