Só Dióxenes dixo guau

pinturas-de-perros-oleo-sobre-tela-chicoX. Ricardo Losada. Paseo polos xardíns de Méndez Núñez na Coruña e vexo un stand: Asociación de amigos de los perros de Carballo. Faime reflexionar. ¿Por que esa manía eufemística de dicir amigos de los perros cando deberiamos dicir dueños de los perros? Podería aceptar Asociación de dueños cariñosos de los perros de Carballo, pero, ¿amigos? O dicionario define amizade como relación afectuosa entre persoas. Polo de relación afectuosa non habería problema: se as temos con certos humanos, por que non iamos telas cos cans. Pero chamarlle persoas sería vexatorio para os cans. Paréceme máis loable o que facía Schopenhauer. Chamáballe humano ao seu can cada vez que quería insultalo pero para gabalo chamáballe can. Gabalo chamándolle persoa sería unha hipocrisía maiúscula. Se os cans fosen persoas terían dereitos humanos. Aquel stand, que vendía cadeas para atalos e bozos para calalos, sería un crime de lesa humanidade.

     Hai quen pon como proba de amizade que os humanos recollan excrementos caninos, cousa que non farían se só fosen donos. Non me convence. Hai pouco vin en televisión unha vella que entrevistaban na rúa sobre a lei de dependencia. Aproveitou que naquel momento un home recollía cunha bolsa a cagada do can, para dicirlle ao periodista: “¿Ve? Iso faillo ao can, pero se tivese que facerllo á nai, mandábaa a unha residencia”. Que algúns humanos recollan os excrementos dos cans  pode ser, aparte dun misterio insondable, un acto cívico, pero en ningún caso (coprofilia aparte) unha relación afectuosa.el-amigo-perro O único caso de amigo dos cans que coñezo é o do filósofo cínico (cínico significa canino) Dióxenes que, para selo, foi coherente e asumiu o concepto de amizade do dicionario canino: relación afectuosa entre cans, e  converteuse nun deles. Vivía nun tonel, cagaba e mexaba, levantando a pata, onde lle petaba, facía o amor en público e por detrás, ladráballe aos descoñecidos, olfacteaba para saber se alguén lle gustaba, pediulle aos amigos que cando morrese o deixasen tirado na rúa. Hai quen di que Pitágoras tamén foi amigo dos cans, pero disinto. É certo que se xogou o físico para salvar un can que estaban apedrando uns veciños, pero só porque cría na reencarnación e nos ladridos recoñeceu a voz dun amigo morto.

     Non. Eu nunca podería ser amigo dos cans, como tampouco podo selo (perdón pola comparación) dos alumnos, ou dos fillos, se os tivese. Deixémonos de eufemismos. A miña relación cos alumnos está máis próxima á de dono que á de amigo. É fácil de demostrar: en caso de conflito, sempre prevalece a miña opinión, mesmo cando se impón a súa: é porque eu o permito. Resumindo: se tivese que fundar unha asociación pedagóxica de profesores no meu instituto tería moi claro o nome: Asociación de donos dialogantes dos alumnos de Rianxo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *