Gonzalo Trasbach. Non cabe dúbida: vivimos tempos de desarroupe total. As redes sociais posibilitan que todos saiamos dos chineiros cunha facilidade letal. Abandonamos os roupeiros para, sobre todo, expoñernos e dicir estupideces ou necidades a cada cal máis asombrosa e que ninguén necesita ler. Incluso o facemos para vender sustancias duras e aditivas: odio, rancor e resentimento. Estas mercadorías, que se venden dende hai uns tres séculos por parte duns e doutros (dende a dereita máis rancia ata a esquerda máis radical, pasando pola socialdemocracia), teñen moito valor e son moi potentes. O que en xeral descoñecemos é que tamén posúen un enorme poder destrutivo. Os seus efectos secundarios son tan visíbeis ou máis que se se consome todos os días farlopa ou heroína. Non o cren? Mírenlle a cara á xente que vive resentida, dominada polo rancor ou polo odio. Mírena ben e logo falamos do que observan. Ademais, o que digo non é ningunha novidade. Autores tan destacados como Nietzsche, Antonio Machado ou Luis Cernuda, entre outros, teñen escrito sobre estas sustancias tan empregadas, por exemplo, polos partidos políticos e tamén polos medios.
O que antano parecía imposíbel, agora, nestes tempos de orgulloso streap-tease emocional e narcisismo compulsivo, é plausíbel. Quen estivo aló (festival, actuación, estrea cinematográfica, party…), quen é o máis listo, quen é o máis enxeñoso, o máis provocador ou o máis rápido para responder calquera cousa dita por outra persoa cinco segundos antes… Estes son os nosos deportes favoritos. Neste novo contexto comunicador táctil e de estímulos nerviosos, ilustrados con frases curtas (ás veces con faltas de ortografía), titulares e pouco texto, a marxe de atención ante calquera protesta é case totalmente nula. Neste mundo que se rexe por este paradigma: “Internet úsase, non se le”, resulta que só unha minoría é capaz de chegar ao segundo parágrafo dun escrito ou dunha páxina dixital. Aínda así, segundo estatísticas moi rigorosas, unha boa parte dos que acadan este mínimo horizonte, ousan facer comentarios sobre o escrito enteiro e dan a súa opinión sobre el, ratificándose deste xeito que, máis aló do surrealismo da situación, cada quen ten xa un discurso preestablecido no que non importan os argumentos, senón o convencemento de ter razón contra do que sexa.
Talvez todo isto pareza normal nun mundo no que xa apenas nos falamos nos corredores, nos ascensores ou nas escaleiras. Incluso empeza a parecer case raro saudar os veciños, basicamente porque isto compromete o outro. Ao saudalo, xérase unha corrente de tensión que pode resultar desagradábel, pois obriga o cumprimentado a devolver o saúdo. Fronte a este panorama, o mellor é pecharse no profiláctico confort das redes sociais, onde volvemos a experimentar o poder de sabernos inmunes, protexidos da nosa estupidez e da dos demais.
Total e absolutamente de acordo