El perro que ladraba a las olas, de Hugo Hamilton

el perroInés Otero. Esta curiosa novela evoca a vida do escritor xermano-irlandés Hugo Hamilton na cidade de Dublin durante a década dos anos cincuenta. A súa infancia estivo marcada pola ideoloxía que se respiraba na súa casa: o seu pai, Jack, era un fervente nacionalista irlandés que non permitía que os seus fillos falasen inglés; pero como a nai, Irmagard, era alemá, que fuxira do seu país para esquecerse das escouras que deixara o réxime de Hitler na súa memoria, os nenos tamén falan a lingua materna. Esta actitude condicionaralle a Hugo a  vida no seu arrabalde, onde é bautizado co alcuño de “Adolf Eichmann” e cre que “me van ejecutar, porque a mi hermano mayor lo llaman Hitler”.

A través dunha coidada estrutura, onde se mesturan os conflitos internos –“onde se ri en irlandés e se chora en alemán”– coas historias persoais que carrexan os pais sobre os seus ombreiros  e unha Irlanda ateigada de problemas políticos, coñecemos como se desenvolveu a infancia deste escritor irlandés que acadou con este libro de memorias o prestixioso Premio Fémina Étranger en 2004.

el perro 2Cunha prosa sinxela e poética –malia os receos e resentimentos que abrollan nas súas páxinas e os segredos que se descobren nos  encontros familiares–,  vemos como era a vida en dous países europeos nada máis rematar a II Guerra Mundial: un, Irlanda, “ateigado de cregos”; outro, Alemaña, “onde todo o mundo tiña medo”. Estamos diante dunha obra que –polo seu preciso retrato dunha época– semella máis un libro de historia que un relato autobiográfico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *