Gulag

paneroAgustín Agra. Este día, levado pola conxuntura do pasamento de José María Panero, deixeime incendiar coa relectura dos seus versos. No intre de volver a colocar o volume onde estaba, malia coidar que a proximidade coa Pizarnik lle acaía, non puiden evitar preguntarme que facía a carón de Octavio Paz. Daquela repasei os andeis da libraría e concluín que a ordenación dos libros, por lingua orixinal e, dentro desta, a orde alfabética por apelido da autora ou autor, non me enchía o ollo. Dediqueime xa que logo a procurarlles un novo acubillo comezando por Alejandra e Panero, a quen non tardei en atoparllo a carón de Robert Walser.

gulag3Enredei logo a tarde toda subindo e baixando tomos, facendo grupos e desfacéndoos, emparellando e divorciando autores, buscan-do similitudes onde, de seguro, non as había: Álvaro Mutis con William Faulkner e Xurxo Borrazás; Chus Pato –nin o dubido!– con Foster Wallace e Cid Cabido; Novoneyra e Avilés de Taramancos a carón de Yeats e Seamus Heaney; Wallace Stevens con Paulino Vázquez –dame o corpo que van facer moi boas migas–. A Proust –o emparellamento con Pennac magoaba a vista– emparedeino entre dous volumes dun tratado de criptogamia en portugués.

gulag 4E el non estaría mellor 20.000 leguas baixo do mar ao lado de Moby Dick? Xunto a eles Extramunde e a Odisea quedarían perfectos. Porén, á Iliada busqueille nova compaña e coidei atoparlla xunto a Tolkien. Ulysses… E o Ulysses? Con quen casar a Joyce? Mentres agardaba pola iluminación, a miña ollada bateu con Cortázar; botei man de Rayuela e da Montaña máxica e seguín a pensar en máis obras atravesadas pola música: no murmurio da auga ao seu paso baixo A ponte sobre o Drina…

Para rematar, deixándome arrastrar pola voráxine revisionista, agarrei con desleixo dúas ducias de libros de poemas dos que, malia os aduladores, tirei pouco proveito máis alá do aburrimento –tempo perdido, mecaghe na celulosa!, reflexionei en voz alta–. Daquela deilles a volta sen miramentos, co lombo contra a parede, e quedei un chisco máis tranquilo. Si, o lugar máis axeitado para eles estaba, sen dúbida, no gulag.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *