Camposanto, de W.G. Sebald

camposantoXerardo AgraFoxo. Entre os manuscritos que deixou Winfried Georg Sebald, despois de morrer nun accidente de tráfico en Inglaterra, cando viaxaba coa súa filla Anna nun Peugeot 306, está esta curiosa mestura entre narrativa e ensaio, que ten o selo inconfundible do autor alemán. Malia que a meirande parte do volume o configuran diversos traballos nos que aparecen as figuras de Franz Kafka (Cara ao bordel vía Suíza), Vladimir Nabokov (As texturas dos soños), Jean Amery (Os ollos dunha ave nocturna) e Bruce Chatwin (O segredo do pelo pardo), o que a min máis me interesou desta obra  é a primeira parte, onde aparecen catro textos relacionados coas súas camiñadas pola illa de Córsega.

Segundo se pode ler nunha nota de Sven Mayer, o responsable da edición en Alemaña, W. G. Sebald, tras a publicación de Os aneis de Saturno (1955), comezou a traballar nunha obra sobre esta illa francesa, pero o proxecto interrompeuse porque lle dedicou máis tempo a completar Austerlitz (2001). O que agora se pode ler na primeira parte –publicada por Galaxia no ano 2007 e traducida por Catuxa López Pato–  son catro textos de tamaño variable. En Pequena excursión a Ajaccio, conta con certa ironía unha visita ao berce do emperador Napoleón –A Casa de Bonaparte– e repara nas circunstancias que marcaron o comezo da súa traxectoria política. camposanto 2O segundo relato –Camposanto– é maxistral pola cantidade de matices, descricións e reflexións que Sebald realiza cando visita –“ingrávido, coma se o dominase a arte da levitacións”– o cemiterio de Piana: “cuxas tumbas semellaban anacos mudos dunha cidade abandonada desde anos”. En Os Alpes no mar preocúpase pola degradación que sofre a illa: “houbo un tempo que estaba toda ela cuberta polo bosque”. É, en La cour de l´an-cienne école, conta unha curiosa historia relacionada cunha imaxe que tivo enriba do seu escritorio.

Unha lectura que agora me incita a mergullarme en Os aneis de Saturno, unha viaxe que fixo a pé polo condado de Suffolk para encher o baldeiro que lle produciu concluír un importante traballo académico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *