Locke, de Steven Knight

locke 1Antón Riveiro Coello. Locke é unha aposta realmente arriscada por minimalista e cun único personaxe en pantalla que axiña nos lembra o perigo ao que se enfrontaron outras películas como Buried, de Rodrigo Cortés ou A vida de Pi, de Ang Lee, nas que a historia recae nun só protagonista. O personaxe de Locke, interpretado polo actor Tom Hardy, é capataz dunha importante empresa de construción que está en vésperas de levar a cabo un vertido de formigón nunca visto en Europa. A historia transcorre dentro dun BMW no que se suceden diferentes chamadas coas que se van conformando as historias dun home que decide desprazarse a unha clínica de Londres onde vai nacer un fillo froito dunha aventura fuxidía cunha muller moi diferente a el. Esta decisión vai poñer en xogo o seu futuro na empresa e tamén na súa propia vida, xa que a súa muller e os seus dous fillos non saben nada desa relación. A partir de aquí, o director Steven Knight, coñecido por Redención (2013), ergue unha proposta curiosa que ten todo o mérito do mundo, tendo en conta que o espectador xa sabe de antemán que o protagonista non vai abandonar o coche en toda a película. locke 2O feito de realizala nun espazo tan pequeno constantemente nos leva Buried, sobre todo polo que ten de claustrofóbico, pero non por iso perde orixinalidade e frescura. As chamadas nese teléfono de mans libres sosteñen a estrutura deste thriller psicolóxico que provoca unha tensión no espectador que dura toda a película. Honesta, afastada das grandes producións, Locke demostra unha vez máis a importancia do guión (Promesas do Leste tamén leva a firma de Steven Knight) e abre moitas esperanzas de futuro para este director do que agardarmos novas entregas que, con certeza, han ser ben interesantes. Talento hai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *