Arte do pecado

cruceiro 2X. Ricardo Losada. Estaba sentado cuns amigos nunha terraza da fermosa praza da Igrexa en Rianxo e, de súpeto, un deles decatouse de que o concello pintara un cadrado amarelo, de prohibido aparcar, arredor da plataforma do cruceiro. Provocou un debate sobre se era unha aberración estética. Eu non opinei porque o comentario do amigo recordoume unha frase de Castelao, cuxa casa vía desde onde estaba: “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”. Nunca me gustou esa frase, paréceme demasiado populista. A primeira parte é correcta. Aquel cruceiro erixiuse, sen dúbida, onde alguén cometeu un pecado: coñecéndonos, non creo que haxa ningún metro cadrado de Galicia onde non se cometera un. Eu mesmo pecara dabondo naquela praza cando se celebraban alí as festas de santa Rita. Como dicía un vello crego, “puros, puros, los habanos”.

     Tamén me parecía correcto, mesmo fermoso, dicir que aquel cruceiro era unha oración de pedra. Pero asegurar, sen coñecelo, que o pecadento estaba arrepentido, eran ganas de agradar ao pobo. É máis probable que fose un deses tipos que se por cada pecado que cometeu tivese que levantar un cruceiro, habería máis cruceiros en Rianxo que casas; e tamén era moi probable que o mandase construír, non por fe, senón para presumir de rico diante dos veciños. igrexaderianxoTamén é demagoxia dicir que Deus perdoou o pecado, sen saber se o pecadento cumpriu as condicións que Deus esixe, esas que se constrúen na alma e non nas prazas públicas. E respecto ao sentimento do construtor, só o acepto se Castelao se refire á vaidade de que os veciños admiren o traballo ben feito. Se tiña en mente algo máis espiritual, outra vez populismo. Algúns dirán que o cruceiro perde así encanto. Non coincido. En cousas tan serias prefiro a prosa ao verso.

     Cando volvín en min, os amigos preguntáronme que opinaba. Non o teño claro, díxenlles, Castelao, co que amaba os cruceiros, conformaríase con mandarlle rezar a quen tal pintou dous Pai Nosos e un Avemaría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *