Xosé Manuel Lobato. Xa estamos no outono, os días encollen e as noites estiran cada vez un pouquiño máis para gozar das friaxes. Mais a claridade que asoma por entre as nubes prateadas que viaxan…
De curoto en curoto, a tombos, rodan as apromadas nubes da tormenta, i os bruxos estorniños, enloitados, raian nas néboas brancas, abafantes os misteriosos circos dos conxuros.
Bandadas de estorniños excitados sobrevoan sen rumbo tentando ser o alicerce que sosteña a tanta nube sobrecargada e conxestionada.
Dende sempre os estorniños formaron grandes comunidades, agrupacións que acollen a numerosos individuos de impecable traxe negro que locen con esplendor. Porén, no comezo do outono algúns destes piadores afástanse do colectivo familiar para amosar as súas grandes dotes para o canto harmónico.
Estrañeza e rareza que estes alados interpreten solitarios, mais unha fortuna e ledicia musical a súa intervención nestas situacións atípicas de destacado solista.
Dende o alto, o sosego, paz e tranquilidade é manifesta, absorbente o seu asubío, piar e lamentar, unha extensa partitura na que emprega un incontable número de argucias musicais.
Unha interpretación de tan diversos e sinfónicos acordes é un deleite pracenteiro, para escoitar no devalo da tardiña baixa do atardecer temperán, que remata co derradeiro alento das caducas.
O vento que vén do mar
hase facer vento fino
cando deprenda a cantar
de beizos dun estornino.
Este fantástico solista consolidado é o gran pregoeiro, dun outono que sempre achega unha gran diversidade cromática para gozar de ocres, amarelos, pardos e outros. Toda esta policromía achega relevancia a unha decadencia pasaxeira da natura, un lapsus para durmir e axiña espertar con toda intensidade.
Efémera existencia fronte a fugaz decadencia, un carrusel incansable en permanente movemento estacional, un serial interminable que consolida a existencia dese ente superior que é a vida en calquera das súas manifestacións.
Soan harmónicos os rechouchíos do gran solista, mentres asistimos a unha brincadeira de variado colorido, bailar no ar sen parar nin cansar. Sen demora viaxan de planta en planta, de flor a flor, agora unha herba, despois unha pedra e un ascenso rápido para axiña aterrar e volver a despexar para comezar de novo a bolborotexar.
Son as bolboretas as auténticas doncelas do pórtico outonal, elas son as grandes protagonistas desas paraxes que estoicamente resisten e conservan ese arrecendo e cor de antano.
Unha ledicia observar con vagar esas avelaíñas e bolboretas no principio da época outonal, a súa pigmentación é extraordinaria, unha adaptación impresionante co medio que é unha auténtica exaltación do colorido típico da estación multicolor.
Tanto mirar a estas venturosas damas do ar, por forza me fai interiorizar esa natura excelsa que acolle a todos sen condicións nin reproches, onde a odisea da vida se transforma en glosa.
Suave barbañar na luz do albor,
fugaz testemuña da loaira no clarear.
Esvaecese a brincadeira da voíña no solpor,
estorniño que procura un alto para encetar cantar…