Pedro García Vidal. Invado o espazo dedicado aos centenarios inaugurado e continuado polo profesor Suso Laíño e fágoo logo da lectura dunha das súas recomendacións: A autoestrada do Sur de Julio Cortázar, de quen este ano se conmemoran os cen anos do seu nacemento. Unha ledicia ler de novo a este piar do boom latinoamericano da segunda metade do pasado século, e máis facelo en galego en coidada tradución do escritor Chisco Fernández Naval –devoto lector da obra do autor de Rayuela– dentro da coqueta edición da Editorial Trifolium dirixida por Xan Arias.
Este relato é o primeiro dos oito que integran Todos los fuegos el fuego, obra publicada en 1966, posteriormente (1967) levado ao cine por Jean-Luc Godard co título de Weekend. Nel descríbese un tremendo atasco nunha das autopistas de acceso a París un domingo pola tarde. Estamos ante unha historia completamente actual, pois máis alá do mero embotellamento, o relato reflicte a sociedade na que vivimos: unha sociedade de masas onde o anonimato, o consumismo e a insolidariedade son os seus sinais de identidade.
O atasco aparece como unha metáfora sobre o funcionamento da sociedade actual: individuos que deambulan polas rúas colgados dos seus móbiles ou con auriculares nos oídos que desprenden un halo de soidade, onde o desinterese cara aos demais faise evidente, e no que só unha catástrofe podería activar a solidariedade e a interacción social, como sucede no caso do embotellamento na autoestrada cara a París, onde ante o desastre xorden persoas que tratan de organizarse como medio para saír do caos. Así, das múltiples lecturas que ofrece, unha delas puidese levar a pensar na necesaria instauración dun pacto social como medio de pór freo ao caos da guerra de todos contra todos que define as sociedades postmodernas. Pero ese florecemento das relacións humanas que afasta a individualidade e converte as sociedades en motores de cambios positivos e beneficiosos para o seu conxunto leva consigo tempo e análises, como sucede en A autoestrada do Sur. Na actualidade este punto crítico para a formación do diálogo semella estar bloqueado ou carece de interese para a maioría das persoas, e así o individualismo conduce a unha dificultade crecente de intercambio de puntos de vista que leven a pór en tea de xuízo aqueles aspectos que empeoran a nosa forma de vida nestes últimos anos.
A verdade é que en galego, a prosa do escritor arxentino, “soa” fermosa, conservando ese ritmo peculiar que Cortázar daba aos seus relatos. Seguramente o especial coñecemento e agarimo do tradutor Chisco Fernández Naval cara ao escritor ten moito que ver nese logro, pois como ben di: “sería un erro, pola miña parte, ter realizado unha tradución literal do texto orixinal en castelán ao galego, por iso o que pretendín é facer falar en galego a Cortázar da maneira máis natural sen que por iso deixase de ser el”.
Todo un pracer, logo de anos, regresar a Cortázar e, sobre todo, facelo en galego, para comprobar a vixencia dos seus relatos que falan de situacións que forman parte do contexto cotián do momento que vivimos.