Cuba, doce e soturna, de Miguel Sande

cuba 1Xerardo AgraFoxo. Este fermoso libro, perdido nos andeis da miña biblioteca durante unha década, foi publicado por Edicións Laiovento no ano 1994. Nel cóntase as fondas impresións que lle produciu ao autor a máis grande das Antillas durante as dúas viaxes que realizou alí nos anos 1991 e 1992. A obra –105 páxinas– divídese en catro partes: Na primeira, que acada a maior parte do volume,  conta as súas peripecias durante o periplo que fixo pola illa entre o 10 de novembro de 1991 e o 22 do mesmo mes. No segundo, que apenas conta con cinco páxinas narra a segunda viaxe realizada un ano despois. A terceira parte é un exhaustivo e dramático  informe sobre o ESTADO DE SAÚDE DOS GALEGOS EN CUBA.  Un breve apéndice de imaxes, realizadas polo fotógrafo Delmí Álvarez, pecha o libro.

O máis interesante desta obra –que xa lera no seu día varias veces e que agora rescato para os lectores do Café Barbantia– son as sinceras opinións que ofrece o autor mentres descubre unha realidade allea ás imaxes que teñen os turistas que viaxan a Cuba coa ollada posta noutras cousas. sandeAs súas impresións sobre os arrabaldes máis periféricos da Habana, a visita que realiza ao cemiterio Colón, a descrición de Santiago, os seus percorridos por Ciudamar ou polo poboado mineiro de El Cobre, constitúense en exemplos de como se pode apreciar a realidade dun país que sufría naquel intre unha crise profunda por culpa da caída do Muro de Berlín.

Un libro que lle fai honra a este recoñecido autor –finalista no 1984 do Premio Nacional de Teatro por Al alba pide comigo vivir e gañador no 1998 do VIII Premio Rafael Dieste  con Ninguén chorou por nós– pola súa mirada sincera e reflexiva sobre a  illa caribeña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *