Lúa mentireira

Foto: Rocha lunar. Smithsonian Museum, NY.
Foto: Rocha lunar. Smithsonian Museum, NY.

Xulio Gutiérrez. O persistente tránsito nocturno da Lúa vén marcado polo abalar e devalar da súa face, nunha danza secular que ten intrigado o Homo sapiens desde que é sapiens.

Os ritmos lunares determinan labores agrícolas, gandeiros, pesqueiros e incluso industriais; unhas veces con razón científica, como o nexo entre mareas e fases lunares, e outras sen ela, como o falso mito da relación entre os partos e o cambio de Lúa.

Segundo a teoría máis amplamente aceptada na comunidade científica, os destinos da Lúa e a Terra confluíron hai algo máis de 4500 millóns de anos, como resultado dun acontecemento cósmico de dimensións inimaxinables.

Daquela, unha Terra aínda miúda, ía acrecentando o seu tamaño a medida que orbitaba no interior do disco protosolar: un lugar ateigado de asteroides. Debido á forza de atracción gravitatoria o pequeno protoplaneta engulía estes pequenos astros orixinando unha intensísima choiva de meteoritos que martirizaba a súa codia ata convertela nun vasto océano global de lava fundida.

Pero na mesma órbita circulaba outro xigante, Theia, dun tamaño algo inferior a Marte e, como a Terra primitiva, tamén ía medrando a base de engulir asteroides. Cando ambos planetas acadaron un certo tamaño a órbita compartida fíxose inestable: o drama estaba servido.

Como consecuencia da inestabilidade gravitatoria, a Terra primitiva e Theia foron achegándose lenta e inexorablemente ata que colisionaron e se fusionaron, formando a Terra moderna. O impacto foi tan brutal que unha enorme cantidade de rocha fundida foi expelida ao espazo onde ao arrefriarse, dou lugar a unha pléiade de asteroides.

Estes asteroides comezaron a xirar ao redor da Terra nunha vagarosa danza sideral. Tumultuosa ao principio e ordenada despois, ata formar un fermoso anel brillante. Se puidésemos ver a Terra nesa época non a recoñeceríamos porque nos parecería Saturno.

Non durou moito o anel porque os asteroides foron agregándose e fusionándose: así naceu a Lúa. Aínda podemos ver cicatrices desa época convulsa: os numerosos cráteres de impacto e os mares lunares, que non son máis que grandes chairas de basalto producidas cando o choque dun asteroide grande fracturaba a feble codia e deixaba saír unha coada de lava líquida.

Durante uns poucos millóns de anos a Lúa tivo un pequeno satélite (a Lúa da Lúa) trinta veces máis pequeno que ela, que acabou precipitándose contra a súa irmá maior e producindo a accidentada orografía da súa cara oculta.

Nesta época a Lúa estaba moito máis preto da Terra ca hoxe, polo que se vería unhas catro veces máis grande que no presente. Tamén cruzaría o ceo moito máis rápido, pois a Terra xiraba sobre si mesma cada 10 horas.

As influencias mutuas entre planeta e satélite persisten na actualidade. Ambos astros sofren un freado mareal que está sincronizando a duración do día terrestre co lunar de xeito que ambos acabarán durando uns vinte e poucos días.

Por certo, dise que a Lúa é mentireira porque cando está en fase minguante amosa forma de letra C, e cando está en fase crecente adopta a forma do brazo curvo da letra D. Só por iso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *