Dous Rinocerones de Nixeria

Maquetación 1Xerardo AgraFoxo. Entre as descubertas realizadas por Rinoceronte Editora están as obras do exipcio  Alaal Al Aswany (O edificio Yacubian), o senegalés Ousmane Sembéne (O xiro postal) e, ultimamente, a do nixeriano Chinua Achebe, autor de Todo se esfarela e Xa non hai acougo.  Un novelista, fillo duns pais da cultura ibo pero misioneiros protestantes. Achebe estudou Literatura na universidade  de Ibadan e foi profesor no Bard College de Nova York.

En Todo se esfarela (2013) conta, a través das peripecias de  Okonkwo, un líder do pobo de Umofia,  como a civilización europea  asolaga os costumes do mundo africano e as consecuencias desta invasión no continente negro. O choque de culturas, a aborixe e a branca, converten esta historia nun drama, onde a morte do neno Ikemefuna, por culpa das supersticións, son un claro exemplo do talento narrativo deste autor.

xa-non-hai-acougoEn Xa non hai acougo (2013), Obi Okonkwo, un funcionario da administración colonial, logo de conseguir en Gran Bretaña un título universitario e un traballo na administración, vese encerellado nun caso de corrupción. Se na anterior obra o autor cargaba contra o colonialismo, aquí critica con crueza os seus paisanos (Non hai un só nixeriano que sexa quen de renunciar ao mínimo privilexio en interese do seu país. Dende os ministros ata o funcionario máis insignificante. E din que queren gobernarse sós) e  certas crenzas ancestrais do seu pobo ibo, como a que lle impide a Obi casar coa súa moza da etnia osu, que é coma unha lepra para a nosa xente, dille o pai.

Así escribe Chinua Achebe, sen ningunha concesión ao sentimentalismo ou imaxes exóticas.  Así é tamén a tradución de Saleta Fernández, unha excelente oportunidade para mellorar os coñecementos do noso idioma. Esperamos con impaciencia a terceira entrega desta singular triloxía africana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *