A maleta de AgraFoxo

maletaAntón Riveiro Coello. Máis dunha vez teño dito que as persoas de máis prestixio dunha sociedade deberían ser os profesores, aos que eu engadiría a figura do historiador. Ás veces, as vilas existen e manteñen a súa identidade precisamente grazas a estas dúas figuras. É certo que ese prestixio non se acada por oposición, senón co traballo diario e unha actitude constante de aprendizaxe e superación. Curiosamente, en Xerardo conviven ambas as dúas formacións e coido que calquera noiés debería celebrar o feito de ter un veciño coma el na súa vila. O traballo e o esforzo que este home leva feito pola historia de Noia e da bisbarra é algo titánico e impagable. Non é esaxerado dicir que Noia non sería a que é se non fose por el. As miles de páxinas publicadas por Xerardo notariaron a memoria dun xeito máis que obxectivo. Os seus libros son coma unha nova muralla de pedra para defender a vila do esquecemento.

Durante moitos anos, mentres na Universidade se traballaba sobre temas inocuos, Xerardo foi un dos que investigou, con paixón, o período da Guerra Civil e restaurou a memoria para lle dar voz a moita xente desa da que non se adoita ocupar a Historia das letras maiúsculas.

revolta nacionalistaEscribir máis de vinte libros de investigación só se pode facer con moitísima disciplina e unha vontade maratoniana, como a que el posúe. A guerra civil en Lousame e Noia, Memorias do franquismo (A época do wolfram en Lousame. A corporación de Noia en Meirás), Crónicas dunha democracia, A revolta nacionalista ou Noia no cambio de século son libros que deberían estar en todos os estantes de calquera noiés.

Fixo tamén unha excelente biografía da poeta María Mariño moito antes de que lle fose dedicado o día das letras galegas. E, dende hai algúns anos, engadiu unha nova faceta á súa vida que é a de escritor de ficción.

Nos primeiros libros de narrativa:  O triángulo de Oscar Wilde, Unha viaxe no Ford T (Premio García Barros de novela) ou O violinista da Malá Strana, Xerardo combinou á perfección dúas das súas grandes paixóns: a viaxe e a literatura. E o resultado foi excepcional, sobre todo porque estes libros crearon unha sorte de estilo pouco visto na narrativa galega. cantinoMáis adiante, Xerardo deulle á historia un formato case de ficción en Quen matou o Cantino?, publicado en Xerais na súa colección de ensaio, pero que se le case coma unha novela polo perfecto encaixe co que se presentan os documentos. Esa xa era unha constante nos libros de historia de Xerardo, que aínda que están escritos con vontade de historiador, a orde convoca unha tensión e unha narratividade que, non por iso, lles resta rigor e obxectividade. Creo que este libro Quen matou o Cantino? adiantaba dalgunha maneira a capacidade de Xerardo para escribir un novela tan boa como A maleta de Victoria Kent. Se cadra, sen el o saber, aquel foi un ensaio antes de construír a súa mellor novela até o de agora. Esa é a miña humilde opinión, avalada tamén pola crítica que a está a gabar de xeito unánime.

A maleta de Victoria Kent é a historia de Liberto, un sindicalista que, ao pouco de se producir o golpe de Estado, vai cos mineiros a Santiago e á Coruña para pararlles os pés aos rebeldes e defender a República. Como a derrota vai ser evidente e Liberto “se significou”, o pobre terá que escoller entre embarcar cara ao estranxeiro ou agocharse na serra. Opta pola segunda opción e a partir de aquí Xerardo ofrécenos un fresco preciso do que puido ter sido a sublevación franquista nunha vila como a de Noia. Aventura, resistencia, persecución, represión, intrigas, tortura, amor… De todo hai nesta novela na que a vida individual conflúe no colectivo.

xerard
Foto: Suso Xogaina

Aristóteles, na súa Arte Poética, establecía para o historiador o deber de contar feitos verdadeiros mentres que para o poeta, neste caso o novelista, só cabía a encomenda do feito verosímil. Pois ben, estou convencido de que quen lea A maleta de Victoria Kent poderá ter unha mellor compresión da historia deses días que se lese un libro científico, de historia. Desta volta a literatura, da man do personaxe de Liberto, foi quen de chegar a capas máis fondas da realidade que coas testemuñas ou cos documentos da historia.

Outra das características que me chamou a atención no libro é a distancia coa que están tratados os personaxes. Cando se escribe unha novela deste tipo é doado caer na tentación dun exceso de idealización ao identificarse o autor afectivamente cos personaxes. De aí que teñan xurdido moitas novelas cun exceso de tenrurización, como dixo Mainer para as novelas publicadas nos anos oitenta e noventa dentro do Estado Español, converténdoas en textos manipulados. Na novela de Xerardo non acontece isto porque no perfil psicolóxico dos personaxes non hai ningún tipo de maniqueísmo. Nos dous bandos da novela hai bos e malos, non hai unha única dirección. violinistaAs persoas teñen luces e sombras, as súas contradicións e matices diversos. Velaí o caso de Liberto, de Xoana, de Matilde Gasset ou do xuíz Balboa. Por unha banda, coido que foi a condición de historiador a que axudou nesta distancia, nesta obxec-tividade, do mesmo xeito que na lograda ambientación e na maneira tan sutil de inserir a ficción na realidade e facernos crer que os feitos puideron ter sido como el os conta. E por outra, estou certo de que foi o escritor (talvez o lector) o que freou a tentación do historiador de nos ofrecer demasiada información da época. Iso é algo que o lector agradece. Todo está na súa xusta medida e a historia de Portomaior (Noia) é extrapolable a calquera outro lugar do país.

Salientar tamén o rexistro lingüístico axeitado. Eu vexo unha progresión indubidable no tratamento da lingua. Nesta novela acada o ton xusto. Non hai estridencias nin ornamentos innecesarios.

viaxeEn fin, A maleta de Victoria Kent é un texto magnífico que turra do lector e que pasa a formar parte das novelas máis interesantes que se levan escrito na nosa lingua sobre o conflito da Guerra Civil. Os que temos a sorte de coñecer a Xerardo, sabemos que a súa maleta aínda non está chea. Por iso, felicitámolo por esta novela e agardamos novas entregas porque os seus libros sempre son un instrumento perfecto para xulgar e analizar non só o pasado senón tamén o presente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *