El velo alzado, de George Eliot

el velo alzadoInés Otero. Esta é unha novela curta de Mary Ann Evans, máis coñecida no mundo literario polo sobrenome de George Eliot (1819-1880), a escritora inglesa autora de tres obras mestras da narrativa do século XIX: El molino junto al Floss (1860), Silas Marner (1861) e Middlemarch (1872). Tres obras ambientadas nos suaves e idílicos chans de Warwickshire, onde ela residiu durante a mocidade e, malia recibir unha rigorosa educación baptista, reivindicou o seu agnosticismo cando soamente tiña dezasete anos, participou activamente nos foros intelectuais máis progresistas e mesmo viviu unha intensa relación amorosa co crítico George H. Lewes, a pesar de que este estaba casado. E despois contraeu matrimonio cun amigo íntimo de ambos, o banqueiro John W. Cross, 21 anos máis novo ca ela.

El velo alzado (1859) é unha novela breve, pero intensa. O protagonista é Latimer, un mozo enfermizo que descobre un día que ten o don da clarividencia. Na súas visións aparécelle unha muller de ollada fatal: Bertha Grant, a prometida do seu irmán maior, unha rapaza rica, fermosa e brillante. Fascinado por ela, Latimer segue á parella nunha accidentada viaxe por Europa. Entón os pesadelos médranlle na cachola e os equívocos precipítanse.

el velo alzado2A historia está narrada polo propio Latimer uns anos despois de transcorridos estes sucesos, cando a parca peta na súa porta e as reflexións sobre o seu pasado semellan máis transparentes. E cóntanos que coñece o mundo interior das persoas, menos o da cínica e atraente Bertha. Ata que un día, cando xa ela era a súa muller, ergueuse o veo e decatouse de como era realmente. Pero, como a “sede pode más que o medo ao veleno”, precipitouse nun inferno longo e amargo.

A obra foi un fracaso no seu tempo porque o tema da telepatía ou a existencia de elementos góticos na súa trama non se comprenderon. Por tal motivo só conseguiu publicala nunha revista. Pero dous anos antes da súa morte, porfiou para que formase parte das súas obras completas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *