Monumentos de tinta I. Un dicionario sobre o surrealismo

dicionario surrealismoRomán Arén. Dende os anos setenta vén Xesús González Gómez ilustrándonos sobre o Surrealismo, dende a revista Grial pasando pola pioneira Antoloxía da poesía surrealista de expresión francesa (1981, O Castro), en volumes como Teatro e Surrealismo (1998, Laiovento) e Ecos da batalla cotiá. Declaracións políticas surrealistas (2004, Laiovento). Até chegar a admirarmos en 2009 co seu Dicionario do surrealismo e surrealistas, onde abraia a cantidade de datos, xuízos e nomes, dende algo máis cá erudición, na crenza de que o Surrealismo foi e é aínda un movemento liberador non só da arte, senón tamén da vida. Non se cansa un de consultalo, de aprender, de asentir e de disentir. Un verdadeiro monumento de papel, de coñecemento. Quizais  dende unha observancia demasiado “estrita” e lamentando que non conteña máis que as 307 voces que ten o dicionario. O título responde ao contido: non aparecen só autoras e autores, mais tamén temas, revistas, manifestos… Complétase cunha gran bibliografía, imprescindible para traballar sobre o surrealismo.

E, houbo e hai surrealismo en Galicia? González Gómez asegura que só temos un verdadeiro pintor surrealista (Eugenio Fernández Granell) e que non o son nin Maruja Mallo, Urbano Lugrís ou Mario Granell, aínda que haxa nas súas obras elementos surrealistas.

dicionario surrealismo 2En literatura: pegadas de Éluard en Cunqueiro e Olga Novo e unha revista case surrealista en 1995, Vreton (Daniel Beiras, X. Sierra e R. Vetusto). E mais nada. Grande coñecemento dos surrealistas franceses e portugueses, pouca presenza española, e logo checos e belgas, exipcios e xaponeses, húngaros, británicos, alemáns… Están tamén os referentes do surrealismo: Baudelaire, Lautréamont, Jarry, Rimbaud.

Sempre con criterio propio, sen medo aos xuízos negativos, a obra debería ser imprescindible en calquera biblioteca. Lese como unha novela, como unha aventura marabillosa do espírito. Un luxo en lingua galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *