A masacre silenciosa

Palabras. Imasacre. ImaxeXulio Gutiérrez. Vivimos nunha socie-dade frenética adicta ás présas. Non hai tempo (ou vontade?) para as explicacións prolixas. Se queres dicir algo tes que falar rápido e forte. As mensaxes deben ser simples. Pero o conto de hoxe é complexo.  Así que, a risco de perder o lector xa no segundo parágrafo, comezo: Un paseo pola praia, cando as mareas vivas descobren os segredos da rexión infralitoral, revela signos sutís do drama que están a vivir os océanos.

O problema non é o que se ve senón o que se bota de menos. Cada ano que pasa resúltame máis difícil atopar decenas de especies de algas, moluscos e anélidos que antes eran abondosas. Na foto vense os fermosos e delicados tubos de area que constrúen unhas miñocas, chamadas poliquetos, pero ao seu carón a ausencia doutras especies antes frecuentes resulta inquietante.

De volta á casa lembrei aquelas primaveras cheas de ruidosas vacalouras e de bolboretas de cores rechamantes. Os que presumimos de canas recordámolo, mais… canto tempo haberá que non vexo unha vacaloura?

Efectivamente. Tanto no mar coma na terra está tendo lugar unha masacre silenciosa da que non somos plenamente conscientes. No caso dos océanos, trátase dun drama menos visual que o do Prestige pero de consecuencias infinitamente máis tráxicas: a acidificación.

Isto consiste en que a auga do mar está a poñerse cada vez máis ácida mediante un proceso químico que, por dicilo de maneira simple, é o que lle acontece ao viño cando se transforma en vinagre.

Cando chegou o chapapote asustámonos, pero inmediatamente reaccionamos como sociedade civil. Loitamos coas mans contra dous inimigos que identificamos claramente: o petróleo e a senrazón dos que (des)gobernaron aquela tolemia.  Coa acidificación non sabemos quen é o inimigo nin en que consiste a ameaza nin (aínda peor) se hai alguén aos mandos da situación.

A ONU vénnos avisando hai décadas de que as emisións de certos gases como CO2, óxido nitroso e metano estanse a incrementar de forma escandalosa nos últimos cen anos. Causa certa do quecemento do planeta e o cambio climático que xa estamos a padecer (e o que nos queda!).

Pero a metade destes gases non fican na atmosfera senón que son absorbidos polos océanos que, en consecuencia, acidifícanse. Conforme a acidez da auga do mar aumenta, as criaturas mariñas sofren doenzas e malformacións: disólvense as cunchas dos moluscos e crustáceos, morren os corais e desaparecen as crías de todos eles.

Desaparecen sen deixar rastro! Porque cando nacen, as crías de peixes, moluscos e demais organismos acuáticos son tan tenues que se disolven na auga.

Os océanos xa capturaron a metade do CO2 e do metano que os humanos liberamos desde a revolución industrial. Aínda ten capacidade de absorber outro tanto coa conseguinte aumento de acidificación. Despois o quecemento atmosférico verase acelerado, entre outras causas porque o desconxelación do solo das estepas árticas está liberando inmensas cantidades de metano que levaba millóns de anos confinado.

Os simpáticos inoperantes da ONU (Mafalda dixit) manifestan por activa e pasiva a gravidade do problema. Os científicos e ecoloxistas xa están roncos de tanto berrar que vén o lobo. Estamos avisados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *