Cabanillas connosco

na noite estrelecidaRomán Arén. Ando estes días ás voltas con Cabanillas e Na noite estrelecida, para llelo explicar aos alumnos e alumnas, ad usum delphini pois ninguén pon en dúbida que é o autor de Cambados unha das nosas grandes figuras literarias, pero… Pero parecía ben sepultado na súa Obra completa até hai uns poucos anos, nos que se editan por solto as súas obras, ben comentadas, recentemente mereceu unha boa biografía e está máis lido agora, e ben lido, que hai dez anos. Cabanillas é unha figura fundamental da nosa literatura, inserido non só na tradición galega, senón tamén nas tradicións europeas: a lección dos mestres do Rexurdimento, o prerrafaelismo, o simbolismo, o modernismo, o saudosismo. Poeta de amplo rexistro, manexo hoxe de novo unha Antoloxía poética editada en 2009, pero que apareceu por vez primeira en 1976 da man de Marino Dónega Rozas, que ofrece un bo feixe de poemas agrupados por temas (o poeta cívico, o social, o epigramático, o descritivo, o costumista, o lírico, o narrativo e o didáctico-relixioso. Como colofón, catro das súas paráfrases (Goethe, Baudelaire, Heine e Christina Rosetti). Marino Dónega engade un bo limiar, claro e pulcro, moi útil para un primeiro acercamento a Cabanillas. Foi Dónega un dos nosos bos antólogos (con Fernández del Riego, Xosé Mª Alvarez Blázquez, Alonso Montero e Luciano Rodríguez), un home do grupo Galaxia cun labor modesto, pero imprescindible, en tempos facareños, na divulgación da nosa literatura. Natural de Huelva, viviu connosco dende moi mozo, pois xa colaborara antes da guerra en “A Nosa Terra” ou “Resol”.

Marino Dónega (La Voz de Galicia)
Marino Dónega (La Voz de Galicia)

Para un público amplo foi básica a súa Escolma posible (1964) de Castelao, sen esquecer a compilación das Prosas galegas (1962) de Cuevillas, esta antoloxía de Cabanillas ou o libro de homenaxe a Fernández del Riego en 1993. Faleceu aos 85 anos en 2001, e moitas das súas páxinas editounas a Fundación Otero Pedrayo en 1994 co título A memoria e os amigos.

Ten razón Dónega cando afirma de Cabanillas que “figura, e para sempre figurará na hoste salvadora dunha cultura”.

Esto quero i pan probe, ágoa crara

e paz na vereda.

Unha Galicia ideal que esmoreceu, pero que trema aínda nas palabras. A poesía provoca emocións, reflexións, pero faise con palabras, coas nosas palabras, fillas de Roma.

A túa fala verteu na nosa

o celme deleitoso das enteras

do sangal, pecoreiro, campesío

sermo vulgaris.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *