Xulio Gutiérrez. Os fieitos forman parte da nosa paisaxe. Proliferan baixo os piñeirais formando un continuo e cambiante sotobosque, verde en inverno e pardo en verán. Algúns, como o fieito real e o fieito macho, agroman nas ribeiras dos ríos coma fachendosas coroas vexetais. Diríase que celebran a festa da auga que baixa do monte vivificando os ecosistemas. Pero a maioría dos fieitos son plantas humildes, de porte exiguo e feble constitución que só habitan en lugares húmidos e protexidos das inclemencias do tempo. Carecen de flores que adornen as súas austeras frondes e deben contentarse con inconspicuos órganos reprodutores que, desde o envés das frondes, esparexen as súas esporas ao incerto destino da dispersión anemófila. Só amosan unha certa graza os rebentos que agroman dos rizoides subterráneos e semellan o báculo dun bispo telúrico que quixera exorcizar as Dríades.
Os fieitos, tamén chamados fentos ou felgos, son coñecidos e usados polos agricultores e gandeiros desde tempos inmemoriais: para estrar as cortes ou, secos, para chamuscar o porco na matanza. Pero non deberon chamar demasiado a atención dos nosos devanceiros pois moi poucos recibiron nome propio de seu.
Os días de gloria dos fieitos quedan moi lonxe. Se tivesen memoria, poderían retrotraerse 400 millóns de anos atrás, cando apareceron e evolucionaron ata formar os primeiros bosques dos que se ten constancia; pequenos, ralos e limitados a zonas húmidas, pero bosques ao cabo. E 50 millóns de anos despois, en plena era Carbonífera chegou a apoteose. Daquela so existía un supercontinente tan grande como todos os continentes actuais unidos, Panxea, dotado de inmensas chairas máis extensas que África e Asia xuntas. O clima era tan cálido e húmido que os fieitos puideron evolucionar ata formar individuos de máis de 30 metros de altura.
Os científicos bautizaron estes fieitos xigantes con nomes evocadores; así, Glossopteris é o fieito con follas xigantes coma enormes linguas, e Lepidodendron, o máis grande entre os grandes, tiña un descomunal tronco de 40 metros de altura recuberto de escamas.
A vizosa paisaxe carbonífera completábase cunha fauna sorprendente: os grandes dominadores do ecosistema terrestre eran os insectos. Mentres que os anfibios se arrastraban lentamente nas lameiras dos ríos e comezaban a colonización da terra, as libélulas Meganeura, do tamaño dunha gaivota, aterrorizaban os demais invertebrados e trataban de esquivar a enormes cempés de máis de dous metros de lonxitude.
Os restos destes tan produtivos ecosistemas foron quedando soterrados formando grosas capas de sedimentos ricos en materia orgánica. Co tempo, estes restos deron lugar ao carbón mineral que hoxe se extrae nas minas.
O reinado dos fieitos rematou tan abruptamente como comezou. No Xurásico, en pleno apoxeo dos dinosauros, unhas plantas máis perfeccionadas, as coníferas, desprazáronos por completo, relegándoos ao papel secundario que ata o día de hoxe xogan nos ecosistemas.
Os fieitos non son hoxe máis que ecos dun distante pasado. Nada é para sempre.