Un mestizo na corte de Artur

excáliburOliveira Casal. Clase de Filosofía. Primeiro de Bacharelato. Antes ou despois era inevitábel que saíse. Excálibur acaba de ser sacrificado. Un can palleiro que a súa dona recollera na rúa había doce anos, abandonado. Salvárao do protocolo asasino que tería iniciado de avisar os municipais. Non hai posicionamentos intermedios. Semella unha severa confrontación política. Toda defensa argumentada é política. Ainara defende a supremacía da vida humana sobre a de calquera outra especie. Jesús, que comezou a finais do curso pasado a saír con ela, secunda con firmeza o posicionamento esgrimindo o proceso de viremia asintomática do animal que suporía un altísimo risco de transmisión ao ser humano. Non o dixo exactamente así. Non houbo outra que eliminalo, vivía con eles, ata ás veces durmía con eles. Claro, como non tiñan fillos… Marco refuta cunha expresión pouco afortunada a fea insinuación do seu compañeiro. Compara o caso co de Bentley, o cavalier king estadounidense en corentena. Leire subliña a ineptitude da ministra, a torpeza do conselleiro de Sanidade nas súas inhumanas declaracións. Gabinete de crise espectacular!, apunta Gonzalo. Penso no influenciábeis que son, que somos os cidadáns. Cito a Deleuze, a tarefa desmitificadora da Filosofía, a cristiá e cartesiana teima occidental de desalmar os animais non humanos. Héctor fai honor con fereza ao seu homónimo mitolóxico defendendo que unha soa vida humana vale máis cá de todos os cans do mundo. clase filoEscóitanse nomes de cans aos que os seus donos salvarían a vida antes que a ti, referíndose a Héctor. Maite di que os animalistas deron cos seus excesos unha imaxe de España lamentábel ao resto do mundo. Sae Bárcenas, sae Pujol, saen os sindicatos. E os miles de mortos polo virus en África. Si, claro que si -equivócase Ainara-, xa vexo eu eses animalistas indo axudar os «neghros», ou nas manifestacións contra o aborto ou contra os desafiuzamentos. Intolerábel, dáse por vencido Marco ante o popular argumento «ad ignorantiam» da súa compañeira. Especialización das neuronas espello alleas á compaixón animal? Agostiño e Tomé vs. Singer e Horta. Toca o timbre. Saída da Filosofía do currículo Wert.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Narrativa, Oliveira Casal. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>