Elisa Lobeira. Quen coñeza o labor intelectual de Callón sabe que foi presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un firme defensor do galego e dos seus dereitos, ademais de sociolingüista, autor de obras propias dun activista: Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011) e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012), pero tamén autor de ensaios sobre Lorenzo Varela e gañador do Premio Vicente Risco con Amigos e sodomitas. Agora ofrécenos unha escolma do seu labor poético en Atravesar o fantasma, 34 poemas agrupados tematicamente en cinco seccións, que oscilan entre a elexía e a defensa da diferenza, con valentía e sen medo aos tabús. Poesía confesional, si, pero coa suficiente distancia para permitir a reflexión, a ironía e a liberdade: «Eu era o fillo dun morto/dun tabú familiar./Era o pequeno do Finado Callón». Pero o neno medrou, e o home segue «angustiado/como cando, de neno,/tras esbagallar ás agachadas,/soñaba/que alguén se equivocara. /Que un día/ voltarías». E do medo de ?sacar a máscara?, El,/o segredo inconfesábel» para «ao final dun día dei comigo».