A criba e a nostalxia

cribaXabier L. Marqués. (A Daniel Domín-guez) Chamámoslle «botar o rastro ao mar» a tiralo á auga, para «rastrexar» e que as pedras que saen fóra dos berberechos e ameixas, que quedan dentro, caian. O rastro do berberecho pesa entre 6 e 7´5 quilos; os de «inox» son os máis lixeiros e os de ferro galvanizado son os máis pesados. A «duela», refírese ao ancho da boca do rastro da ameixa, ten 45 centímetro, e entre 18 e 20 dentes, e de 15 a 10 de longo; a do berberecho 55 cm, e 6 centímetro de dente…. A vara ten entre 5 e 5´5 brazas de longo… Imos a Basoñas, Brullos, Lobeiras, Miñarzos…. compostos todos de cons, petóns e laxes, visibles algunhas e outras cubertas (as de Meixide están cubertas). E penso nas similitudes do poeta, do filósofo co mariscador: botar o rastro e cribar…

E lembro as palabras de Milena Jesenká, no pasamento de Kafka. «Era tímido, retraído, lene e amábel, visionario, demasiado sabio para vivir, demasiado feble para loitar, dos que se someten ao vencedor e acaban por avergoñalo…».

«O espírito constitúe unha illa, pequena pero segura, no centro mesmo dun mar de miseria e desolación», din que repetía Milena no campo de concentración de Ravensbrück. El, o tímido, escribira (lido na lagoa de Barbana, na illa de Grado, onde Passolini filmou o seu Edipo): «Sei il mio sassolino nel mare».

Calquera filósofo diría que o saber está agochado no saber común, e que a arte filosófica consiste en sacalo del. «Toda filosofía é unha observación interior de nós mesmos…»

Ese, e non outro, é o paralelismo que temos que establecer entre a imaxe de Rogelio (o mariscador que vai a Basoñas, Brullos, e que coñece a Ría de Noia como se fose o seu interior, aquel onde hai que mirar), e o nome de Milena, que tantos ecos convoca. Mariscadores e poetas: tímidos, visionarios, demasiado sabios para vivir, demasiado febles para loitar… contra os que teñen a boca chea de dentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>