Dous días, unha noite, dos infalibles irmáns Dardenne

dous díasAntón Riveiro Coello. Os cineastas belgas Jean-Pierre e Luc Dardenne nunca defraudan. Estes dous irmáns dirixen e producen as súas películas a catro mans e toda a súa filmografía está tocada pola maxia e o recoñecemento. Os seus primeiros pasos foron dados no documental e iso nótase porque nas súas películas hai sempre esa sinxeleza espida que vén da reportaxe. A promesa, Rosetta, O fillo, O neno, O silencio de Lorna ou O neno da bicicleta son películas aparentemente sinxelas que sempre nos deixan abraiados. Todas elas son un bo exemplo de cine que non precisa de grandes producións económicas e iso afonda na orixinalidade das súas propostas que a crítica especializada adoita valorar (gañaron en dúas ocasións a Palma de Ouro de Cannes, amais de numerosos galardóns internacionais).

Pois ben, a súa última película Dous días, unha noite, leva o mesmo selo e estilo, volve demostrar a súa capacidade de sorprendernos e involucrarnos nunha angustiosa e actual historia que protagoniza Sandra (Marion Cotillard). dous días 2Esta muller, nai de dous fillos, vén de saír dunha depresión e está a piques de ser despedida da empresa onde traballa. Só lle queda a esperanza de convencer os seus 16 compañeiros para que, nunha votación secreta, todos eles renuncien a un bono de 1000 euros. Esa é a única maneira que ten de manter o emprego e, así, nunha vertixinosa fin de semana, co apoio e comprensión do seu marido, ela visitará os máis deles na procura de solidariedade.

Desta vez, a desesperación da crise e o drama particular están tratados cunha ollada tan realista que por veces un ten a impresión de estar asistindo a un documental ou de que a protagonista vai petar na nosa porta para nos erguer a mesma súplica que aos seus compañeiros de traballo. Axuda nesta impresión o feito de que a película estea exenta de banda sonora e os escenarios limpos expresen o cotián cunha sinxeleza contundente.

dous días 3Estamos diante dun cine social, realista, que nos fala da supervivencia e, sobre todo, da necesidade de nos axudarmos por mor dese mundo competitivo e inhumano que nos reduce a simples ferramentas dunha maquinaria produtiva.

Cómpre salientar, por riba de todo, a excelente interpretación dunha Marion Cotillard que está admirable e nos transmite a súa desesperación cunha intensidade implacable. Máis dunha vez é quen de nos pór un nó na gorxa e deixarnos abraiados, sen respiración. Nela concéntranse todas as nosas esperanzas e asistimos a un final do que só podo dicir que é maxistral. Non o dubiden. Véxana. Os irmáns Dardenne son infalibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *