Resistencia cotiá

nadal veránMaría Xesús Blanco. Hai unhas semanas, cando a roupa de verán seguía leda nos armarios e os termómetros das nosas casas marcaban temperaturas inusuais de outono, máis ben propias do verán, os andeis dos supermercados comezaban a encherse de produtos do Nadal. Parecía que desta vez os estrategos do consumo decidiran adiantar a campaña de vendas aínda máis que en anos anteriores. E facíano con sixilo, e a traizón, sen ruídos nin anuncios publicitarios. Lembro ben aquela tarde, nos últimos días de outubro, cando empurraba co meu fillo o carro da compra nun establecemento comercial da comarca. De súpeto, os dous quedamos apampados no medio do corredor diante dunha fila de doces típicos para esas datas. Confuso e sorprendido, o neno deu un brinco e preguntoume por que había tantas caixas de turrón se aínda faltaba moito para que viñesen os Reis Magos.

Sen contestar, inviteino a mirar a lista da compra para saber que dirección coller. De primeiro, leu en voz alta, seis cartóns de zume e dúas caixas de leite. Pero coma un foguete levoume a onde el cría que estaban os chocolates e as galletas de canela. E atopámonos, outra vez, con varios andeis de xoguetes e de adobíos de Nadal. Desta vez non lle fixo ningunha graza que as súas lambetadas favoritas fosen cambiadas de sitio por mor de ofrecer outros produtos, que para a miña sorpresa, non espertaron nel ningún interese.

dv1849001Decidida, prendino da man e pensei que para todo hai unha primeira vez. Fariamos a compra por Internet. Cando subimos ao coche sentín a ledicia de saber que desta volta os estrategos do consumo máis voraz provocaran a indiferenza nunha persoíña tan vulnerable coma un meniño de oito anos. Mais tamén a indignación de coñecer a carraxe e o desasosego que vivirían moitas familias que non poden permitirse ningún exceso nestes tempos.

E neste outono, que xa zumega frío e choiva, sei que as rúas olen a castañas asadas e a cogomelos silvestres. E que os armarios cheos de roupa de abrigo presenten un inverno duro e o bulicio das novas datas.

Pero, abofé!, dígolles que non entrei nun supermercado dende hai semanas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *