Monumentos de tinta III. A historia da Literatura Galega de Carballo

historia literatura carbRomán Arén. Publicada parcialmente en 1963, tivo a súa forma definitiva en 1973 e novas, non moitas, correccións en 1981. É a Historia da literatura galega contemporánea por excelencia, a de Carballo Calero. Un clásico, un monumento do saber e ponderación aínda vixente en moitos casos. Houbo achegas importantes antes, as de Carré Aldao, materiais auxiliares básicos (O Dicionario de Couceiro) e moi interesantes achegas logo (Tarrío, agora X. R. Pena, o libro colectivo da ASPG…), pero é aínda o alicerce máis sólido na nosa historia literaria, aínda se consulta con moito proveito e foi o modelo a emular, a superar, a discutir. Un verdadeiro clásico polo traballo inxente dun home só, sen equipo, que foi ás fontes orixinais, que consultou o labor crítico anterior (Carré, César Barja, Salcedo, Bell, Couceiro, Fernández del Riego e Varela Jácome), que non só compilou, senón que tamén estudou e valorou a nosa literatura de 1808 a 1936 (e máis aló para os autores que xa tiñan obra importante antes da guerra, como Blanco Amor ou Cunqueiro), que clasificou en trece capítulos e que manexou centos de traballos que inclúe na bibliografía. Unha Historia da literatura galega que considera a lingua galega o punto básico para a inclusión no seu estudo, criterio filolóxico seguido ata hoxe (aínda que haxa xa moitos disidentes). Poden poñerse poucas obxeccións, aínda que algunhas si se lle puxeron: certo patriarcalismo no tratamento de Rosalía (habería que matizar), certa incomprensión da obra de Blanco Amor, ignorancia dalgúns autores (mellor coñecidos agora)… Cousas miúdas se se comparan co rigor, a imparcialidade, a seguridade, as suxestións deste volume de case novecentas páxinas.

carballoEu penso, quizais erradamente, que na grande bibliografía de Carvalho (quen foi tamén bo poeta, interesante dramaturgo e mediano narrador) é a obra que mellor o representa, xunto coa Gramática, que coñeceu sete edicións. Por riba de filias e fobias, de polémicas lingüísticas, Carvalho é unha das grandes figuras da nosa cultura. Esta Historia da literatura, que contén unha das monografías máis serias de Rosalía ata os traballos de Francisco Rodríguez, segue a ser consulta obrigada.

Desta sistematización e valoración de Carvalho, partimos todos. Foi un dos piares máis firmes da crítica galega do seu tempo, con Varela Jácome e o divulgador Fernández del Riego, aos que superou en criterio, rigor e exhaustividade como historiador da literatura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *