Vita, de Melania Mazzucco

vita1Inés Otero. Dous nenos, Diamante e Vita, chegan no ano 1903 á Ellis Island nun vapor que os trae de Italia con outros inmigrantes; axiña desembarcan en Nueva York, despois de pasar os controis aduaneiros, intentan localizar os familiares que viven nunha caótica pensión do gueto italiano. Corenta anos despois, un capitán do exército aliado, mentres loita contra as forzas de Mussolini para liberaren de nazis a rexión da Campania, procura indagar sobre as raíces daqueles rapaces de doce e nove anos. E, outros corenta máis tarde, unha escritora italiana emprende a mesma teima –a reconstrución da memoria familiar– despois de tropezar por casualidade con algún rastro daquela incerta historia durante unha viaxe a Estados Unidos.

Así, con esta curiosa trama, asistimos a unha aventura  literaria –Premio Strega, 2003– que semella contada con tres voces diferentes, en varios escenarios e alterando repetidas veces a orde cronolóxica. E coñecemos a odisea dos dous cativos polos diferentes arrabaldes de Manhattan: unha vida extremadamente dura, ateigada de perigos e segredos, e onde os lazos familiares son imprescindibles para sobrevivir nun mundo hostil. vita3E sabemos polo fillo americano de Vita, o capitán Dy, destinado na Fronte Sur, como se argallaron os combates a carón das terras dos seus devanceiros para despistar os nazis e montar uns miles de quilómetros máis arriba –nas praias de Normandía– a Operación Overlock. E, tamén, a través de entrevistas, arquivos de Brooklyn, expedientes dos vapores, cartas e entrevistas persoais,  coñecer como foi a peripecia que sufriron na cidade das oportunidades Diamante e Vita.

Un libro da italiana Melania G. Mazzucco (Roma, 1966), autora de Ella, tan amada ( Premio Napoli e Premio Vittorini) e Limbo (Elsa Morante), sobre o drama da inmigración, unha odisea que na actualidade se  trasladou ata outras fronteiras. Unha realidade que non deixa de medrar mentres o mundo camiña cara a desigualdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *