Limiar do anuario Barbantia 2014

Anuario2014X. Ricardo Losada. Tedes na man o anuario número 10 da Asociación Cultural Barbantia, un número polo que os seres humanos sempre tivemos devoción. Xa Pitágoras o consideraba un número sagrado. Non sei se este anuario tamén o será, pero sei que é un milagre, e non, desde logo, por razóns místicas relacionadas co número 10. Tamén o foron o número 1, o 2, o 3… Máis aínda a partir do 4, en plena crise, xa que a maioría da xente pensa como aqueles asesores de Winston Churchill que, na II Guerra Mundial, lle propuxeron reducir a cero as axudas culturais. E case ninguén coincide coa resposta que lles deu Churchill: “Entón, para que loitamos?”.

escalera2     O primeiro anuario está datado en 2005, un ano despois de que aparecese Barbantia. Recordo a primeira vez que me falaron do proxecto. Citoume o amigo Fernando Lavandeira a tomar un café co meu admirado escritor (que non coñecía persoalmente) Antón Riveiro Coello. Antón quería crear unha asociación cultural no Barbanza e puxérase en contacto cos técnicos de Cultura para que lle presentasen persoas que puidesen estar interesadas no proxecto. Eu, a pesar de certa tendencia individualista para estas cousas, aceptei inmediatamente. Antón non dixo nada orixinal sobre a cultura, nin falta que facía, pero o que dixo, afirmouno cunha convición que me atrapou. Sempre souben que para este tipo de proxectos é máis importante a fe que a razón, o querer que o saber, o apetecer que o deber, e eses requisitos están máis ligados ao ton co que usamos os significantes que ao seu significado. Toda a linguaxe non verbal de Antón sacaba nota neses meus requisitos. Pouco despois tivemos unha reunión no Centro Social de Boiro unhas sesenta persoas de seis concellos diferentes e unha das primeiras decisións que tomamos foi a de publicar un anuario. Antón volveume parecer convincente cando puxo como referencia o anuario dunha asociación da súa vila natal, Xinzo de Limia. Danme boa espiña as persoas capaces de voar sen cortar as raíces coa terra.

PRESENANUARIO     Non sei por que, pero Antón propúxome que eu escribira o Limiar. Nun primeiro momento, tomeino como un afago. Pensei que me escollía porque lle gustaba a miña forma de escribir. Pero axiña cuestionei tan narcisista fantasía. Eu non tiña nada publicado e os artigos que escribía no suplemento de Barbantia estaban escritos cun estilo inmaturo (en busca dunha voz propia), do que eu era moi consciente. A realidade, pensei, é que me ofreceran escribir o limiar porque ese tipo de traballos non o quere facer ninguén, e outros certos trazos do meu carácter facíanme un tipo propicio a ser telonero, e estar encantado de selo. Non saín dese dilema (encargáranme o limiar por virtudes da miña escrita ou por defectos do meu carácter?) ata que recordei uns versos xeniais de Antonio Machado: “El ojo que ves no es / ojo porque tú lo veas; / es ojo porque te ve”. O ollo que Antón e os que decidiran que eu escribira o limiar vían en min non era ollo porque eles o viran, era ollo porque os vía a eles. E como sabe calquera que pensara un pouco ao respecto, un ve, entre outras cousas, o que quere ver. IMG_5586E eu quería ver que me escolleran polos meus méritos literarios, logo escolléranme polos meus méritos literarios, logo non me quedaba outra que escribir aquel limiar como se escribise o discurso de aceptación do Premio Nobel de Literatura. As outras paranoias tireinas ao baúl dos recordos e alí quedaron, aínda que de vez en cando puxen por saír. E alí quedaron porque, como bo discípulo de Churchill, en canto lin os traballos que lle daban contido a aquel anuario, souben que era un honor escribir o limiar. Non sería un honor para os Heredeiros da Crus, pensei, ser teloneros dos Beatles, de ACDC e dos Rolling Stones?

     Pode que a comparación anterior sexa un tanto esaxerada, pero non me importa. Correspóndelle a cada lector do anuario definir o grao desa esaxeración. A min o único que me incumbe é buscar todos os anos motivación para escribir un limiar digno. E sempre a atopo. Case todos os ensaios dos dez anuarios publicados teñen as calidades que eu distinguín naquelas primeiras entrevistas con Antón. A súa linguaxe non verbal é fiable, e os autores escriben como se voasen sen cortar as raíces coa terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *