El impostor, de Javier Cercas

el impostorAntón Riveiro Coello. Javier Cercas (1962), profesor de literatura na Universidade de Girona e autor ben coñecido con libros de éxito de crítica e público como El móvil, El inquilino, El vientre de la ballena, Soldados de Salamina, La velocidad de la luz, Las leyes de la frontera ou Anatomía de un instante, entréganos agora unha moi interesante novela de non ficción titulada El impostor, que trata a historia do sindicalista español Enric Marco Batlle, famoso internacionalmente por falsificar información que o facía pasar por outro. Este vello anarquista dos anos da Transición presentouse coma un sobrevivente do campo de concentración alemán de Flossenbürg durante a Segunda Guerra Mundial e virou nun alto exemplo de vítima do Holocausto percorrendo o mundo para falar desa experiencia inventada até que, grazas ao historiador Bermejo, a mentira foi espida en 2005, xusto cando Enric Marco estaba preparado para intervir nunha celebración do campo de Mauthausen, en representación española das vítimas e coa asistencia do presidente Rodríguez Zapatero. O escándalo foi maiúsculo e ocupou as páxinas de xornais de todo o mundo.

enric marcoPois ben, Javier Cercas, atrévese con esta historia de “non ficción” protagonizada por un personaxe que é todo ficción. E, aínda que nas primeiras páxinas o autor fala das súas reticencias para escribir este libro que non quere escribir, pouco a pouco vainos enredando, por unha banda coa propia busca, e por outra con interesantes reflexións sobre a literatura e a creación.

Cunha prosa veloz, unha aparente desorde na estrutura e certas repeticións intencionadas, Cercas entra na vida deste home que, coma tantas autobiografías inventadas na transición para un acomodo político, procurou a impostura do heroe nun enfermizo narcisismo.

Na novela son moitas as cousas das que gusto, especialmente da mestura perfecta que Cercas fai entre a realidade e a ficción, o xeito sincero de se situar fronte ao protagonista e compararse con el: ““Quiere salvarme para salvarse usted” dille o personaxe Enric Marco ao Javier Cercas “un pequeño burgués neurótico y débil”. javier-cercas-2Mais tamén as interesantes reflexións literarias ou a industria da memoria histórica “un sucedáneo, un abaratamiento, una prostitución de la memoria”, ao que engadiría as formas tan acaídas de ir presentando os datos biográficos do protagonista ou a vontade de se poñer no mesmo plano creativo do Truman Capote de A sangue frío ou do Emmanuel Carrère de O adversario…

En fin, unha boa novela, non de ficción, pero si de moita literatura, que, sen dúbida, porá medras no prestixio deste gran escritor que é Javier Cercas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *