Olympia Ring, 1934, de Xabier López López

Portada de la última novela de Xabier López LópezAntón Riveiro Coello. Ao meu ver, e ao de moitos, Xabier López López é un dos máis interesantes narradores na nosa lingua e boa proba diso son os seus libros, diversos os máis deles, sempre na procura de novas vías e buscando conexións coa literatura que se fai dentro e fóra do país. A súa anterior obra, Cadeas, coa que acadou, entre outros, o Premio Xerais, é unha das grandes novelas destes últimos anos e A vida que nos mata confirmouno hai tempo coma un escritor de peso non só polo recoñecemento de premios tan interesantes como o da Crítica Española ou o García Barros senón pola calidade das súas propostas (Por certo, esta novela hai pouco saíu publicada en castelán na editorial Funambulista).

Hoxe traio aquí a súa última novela, Olympia Ring, 1934, na que o escritor de Bergondo resucita o xornalista pontevedrés Sebastián Faraldo, que xa protagonizara A vida que nos mata, só que desta volta cambiará as crónicas rosas do balneario de Mondariz polo xornalismo deportivo, desprazándose a Barcelona para acompañar o boxeador Manuel Rodríguez Casto, O camión.

olympia castelánOlympia Ring, 1934 é unha novela negra que ten a súa inspiración en obras clásicas, pero que achega moitas máis cousas, en especial, unha extraordinaria ambientación da Barcelona de 1934 e un deseño novidoso nalgúns dos seus personaxes, como por exemplo o propio Camión, que, lonxe de ser o típico boxeador coitado que alguén explota miserablemente, aquí está perfilado coma un mozo con estudos de bacharelato e militante do partido galeguista aínda que, finalmente, será asasinado. E esta morte é a que o xornalista Sebastián Faraldo terá que pescudar nunha Barcelona que non hai moito viu a proclamación da Cataluña independente por Companys e que agora ten en dous barcos detidas as autoridades autonómicas.

Nese percorrido que o xornalista fai pola cidade cosmopolita catalá, entrando nos barrios baixos do Paralelo, do Raval ou do Barrio Chinés, iremos vendo como o autor constrúe a súa historia con ese coidado pano de fondo dunha sociedade na que están presentes o pistolerismo político, os charnegos, a delincuencia ou as apostas ilegais do boxeo, un deporte que tiña a súa importancia neses anos, mesmo na Galiza onde as cidades apoiaban os seus heroes puxilísticos, eses mozos afoutos que xurdían da clase traballadora para faceren cartos, como medio de fuxir das miserias.

XabierLópezLópez-còpiaCun argumento orixinal, ben deseñado, Xabier López conduce con mestría unha trama detectivesca na que haberá un pouco de todo, tensión, sorpresa e, como dicía antes, unha coidada ambientación que nos fai sospeitar todo o traballo de documentación que o autor tivo que facer para poder apañar o espírito dun tempo que abrangue espazos non só cataláns, senón tamén dunha Galiza con aires de modernidade.

Unha boa novela para os amantes do xénero negro e tamén para os que gustan da literatura en xeral. Léana. Xabier López non adoita defraudar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>