O libro dos vicios, de Adam Soboczynsky

el libro de los viciosX. Ricardo Losada. Este é o teu libro se cres que fumar, dedicarse a cousas inútiles ou comer carne non son vicios; se cres pouco civilizado facer footing polas rúas dunha cidade ou levar os nenos a todas partes; se consideras dexenerada esa obsesión por darlle unha superficie brillante de bebé aos móbiles ou os coches; se queres comprender, en fin, o profundo cambio de costumes que se produciu nos últimos anos ante os nosos ollos sen que nos decatásemos. Que sucedeu, por exemplo, para que os homes peludos que antes desataban paixóns agora desaten asco? Agora ben. Para disfrutar este libro deberás crer que a ironía é un recurso eficaz contra o autoengano, e que os libros son experimentos máis que manuais de instrucións. A.S. escribe: “Un non pasea só e sen destino se non o empuxa a chispa da esperanza de que ese deambular o porá en contacto con alguén –e ese alguén non é outro ca un mesmo- cunha profundidade de alma especial, cunha ansia detectivesca de descubrimento, co oído atento a voces largamente silenciadas”. Cámbiese pasear por escribir ou ler e teremos unha idea moi axustada do mundo literario deste autor polaco.

        Cumpridas esas condicións, o lector poderá descubrir cousas fascinantes. Entre moitas outras: que é un tipo que domina a arte de estar orgulloso de si mesmo sen facer ningún mérito; que preferiría padecer insultos antes que esa amabilidade monótona e previsible que está tan de moda; que é un artista do finximento; que odia as persoas hedonistas porque se odia a si mesmo; que necesita ataduras para orientarse, un látego para calmarse ou, o peor de todo, que, para vivir tranquilo, se relaciona cos demais cos trazos intercambiables, non cos intransferibles, da súa personalidade. Non é un libro, polo tanto, para ese tipo de persoas que len para crer que son mellores persoas do que realmente son.

Adam Soboczynski. Foto: Katja Lenz/ddp
Adam Soboczynski. Foto: Katja Lenz/ddp

         Ao contrario. O lector descubrirá que o gran culpable de que este mundo se volvese “tan esaxeradamente disciplinado” non é o Estado, aínda que sexa certo que se está convertendo en represivo gardián dos costumes para compensar a perda de poder político que lle trae a globalización. O culpable é cada un de nós, que acepta con gratitude “unha autodisciplina convertida en autoflaxelación”, típica do home contemporáneo. Pero A.S. non se limita a facer un diagnóstico. Tamén ofrece terapia. Unha terapia, por suposto, que cadaquén terá que descubrir. Hai unha para cada lector.

     Se queres saber se es unha mala compañía para ti mesmo, este é o teu libro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *