Maqroll 2. (Exaltación do gavieiro)

mutis 1Agustín Agra. Leo. Leo unha tras outra as sete novelas que conforman a saga de Maqroll. Leo, deixándome levar pola calidade excelsa da prosa de Mutis, pola fondura das introspeccións do gavieiro –aquel que, como o seu creador, vivira nunha soa moitas vida. Leo. Leo e acompáñoo no seu periplo, nas súas empresas e tribulacións. Viaxo canda el, arrolado por un remol de exotismo que me trae reminiscencias de Avilés de Taramancos, percibindo no pelello a etérea ameaza que Conrad e o seu Marlow deixaran no aire no seu camiño cara ao horror. Déixome arrastrar, si, polo lirismo descarnado, polos personaxes orfos, sentindo como o texto me achega aos protagonistas á deriva de Bowles e o seu ceo protector…Leo. Leo nesta viaxe que non conduce senón á busca das propias fronteiras, cara aos recunchos afastados do interior dun mesmo. Leo nas vicisitudes de Maqroll como se estivese a mirarme nun espello, facendo escrutinio dos propios actos, deixándome levar pola fascinación de verme reflectido dun xeito semellante.mutis 2 Leo. Leo, si. Degoo cada páxina, mesmo cada palabra, co devezo imposible de non dar rematado, consciente de ser un lector afortunado. Afortunado, si, xa o dixen: instalado na certeza de ter gozado con Maqroll como poucas veces antes no exercicio dun dos praceres maiores: a lectura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *